Skip to main content

Galicia reduce a fenda dixital de xénero a mínimos históricos

Cabe salientar que a fenda de xénero en Galicia é inferior á que se rexistra en Croacia (13 puntos), Austria (6 puntos) e Italia (6 puntos). No extremo oposto, os países con menor fenda de xénero respecto á media europea son: Irlanda (-3 puntos, con vantaxe das mulleres), Finlandia e Lituania (-1 punto).

En Galicia, a fenda dixital de xénero no uso de Internet foise reducindo de forma lenta pero constante, experimentando unha diminución de 2,3 puntos o último ano. A nivel estatal a redución é de 2,1 puntos porcentuais no mesmo período.

Factores inciden na fenda de xénero

O nivel formativo é unha das variables que máis incide nas diferenzas no uso de Internet. As persoas con estudos mais básicos, especialmente as mulleres, son as que menor uso fan da ferramenta, con diferenzas que superan os 10 puntos porcentuais fronte aos homes.

A fenda de xénero no uso de Internet presenta unha tendencia marcada pola idade, diferenciando unha ruptura dixital arredor dos 64 anos. Así, as mulleres con menos de 64 anos superan ou igualan aos homes no uso de Internet, mentres que a partir desa idade as distancias aumentan sensiblemente en detrimento do uso feminino da Rede, cunha fenda de xénero de 8,2 puntos porcentuais entre os maiores de 65 anos.

Con respectó á situación laboral, o uso de Internet é practicamente universal entre as mulleres estudantes e que desempeñan unha actividade no mercado laboral. Pola contra, as mulleres adicadas ás tarefas do fogar ou xubiladas son dous colectivos especialmente afectados polas diferenzas de sexo á hora do acceso á Rede.

O estudo do OSIMGA estuda, en detalle, a influencia do hábitat na fenda dixital segundo o sexo, atendendo as seguintes variables xeográficas: provincias, tamaño de hábitat, áreas comarcais e nos sete concellos con maior poboación de Galicia

As diferenzas no uso de Internet entre homes e mulleres son máis acusadas nas vilas galegas de máis de 50.000 habitantes, onde a fenda de xénero no uso de Internet supera os 2,6 puntos porcentuais. Pola contra, o uso de Internet entre as mulleres é superior que entre os homes nos concellos de menos de 10.000 habitantes.

As mulleres interactúan máis coas administracións a través de Internet

Á hora de realizar compras a través da Rede, as diferenzas por xénero son sensiblemente maiores en España que en Galicia. En España os homes que fan compras na Rede superan ás mulleres en 4,9 puntos porcentuais; en Galicia só en 1,4 puntos. Neste sentido, a idade resulta determinante, de xeito que as mulleres novas, por baixo dos 34 anos, empregan o comercio electrónico en maior medida que os homes.

O estudo analiza tamén a interacción coas Administracións Públicas a través de Internet, observándose como as internautas galegas relaciónanse a través da Rede, en maior medida, coas Administracións Públicas que os homes. O 66,8 das galegas realizaron xestións online nos últimos tres meses fronte ao 65,3% dos homes.
R.