Skip to main content

A Xunta activará unha plataforma dixital para ofrecer ás empresas asesoramento técnico e personalizado ante o Brexit

O foro, que se está a celebrar na Cidade da Cultura, en Santiago, conta tamén coa participación do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a través da secretaria de Estado para o Comercio, Xiana Méndez, que participou na presentación da iniciativa xunto co titular de Economía. Trátase dunha xornada, organizada conxuntamente entre o Igape e o Estado, na que tamén asisten representantes da Comisión Europea, da Embaixada de España en Reino Unido e de diferentes empresas e organismos económicos co reto de trazar conclusións en común que axuden a actuar fronte ao Brexit. Así, destacou a importancia de marcar unha estratexia conxunta e que institucións, empresas e organismos implicados sigan traballando da man.

Conde sinalou que a Xunta vixía con cautela os posibles efectos do Brexit sobre a economía galega para previr consecuencias e co propósito de que a capacidade das empresas galegas no país anglosaxón non decaia. Por iso, indicou que hai que adoptar un papel activo tanto por parte das institucións como por parte do propio tecido empresarial para que a circulación de servizos e mercancías co Reino Unido poida manterse en termos semellantes ao dos últimos anos.

Ao respecto, afirmou que o labor das empresas galegas está máis que certificada tanto pola calidade como polo produto diferenciado que ofrecen os sectores estratéxicos galegos. Apuntou que o comercio entre Galicia e Reino Unido é un fiel reflexo de como o tecido empresarial gañou en internacionalización lembrando que as exportacións galegas a este país aumentaron entre xaneiro e novembro de 2018 nun 16,1%, rexistrando un volume de vendas de 1505 millóns de euros. Reino Unido, de feito, é o cuarto destino ao que máis exporta Galicia con preto de 500 empresas que venden os seus produtos ao mercado británico. Conde subliñou que Galicia é un referente en sectores como o téxtil, a automoción e o motor e sectores primarios como a agricultura, a gandería, a silvicultura ou a pesca. Con respecto ao sector pesqueiro, explicou que constitúe o campo con maior peso nas importacións procedentes do Reino Unido polo que a Xunta está a defender que o futuro acordo de saída da Unión Europea (UE) aposte pola sustentabilidade da pesca.

Para rematar, Conde asegurou que a Xunta seguirá vixiante en todo momento cos aranceis que o Reino Unido poida aplicar aos produtos que importe unha vez que se faga efectiva a súa saída da UE e recordou outras iniciativas da Administración autonómica en materia de internacionalización como os programas Foexga e Galicia Exporta que este ano suporán un investimento de 11,6 millóns de euros para beneficiar a preto de 1000 empresas. O pasado ano un total de 30 compañías galegas con intereses no Reino Unido beneficiáronse destas axudas e o obxectivo é que en 2019 poidan facelo novas pemes que queiran saír cara o mercado anglosaxón.
R.