Skip to main content

Sanidade presenta o borrador do novo modelo de Atención Primaria para os vindeiros 25 anos

Entre as medidas a curto prazo recollidas no borrador presentado hoxe, inclúense a creación dunha dirección de atención primaria en cada área sanitaria á que lle corresponderá, entre outras funcións, a coordinación e supervisión de todos os recursos nese nivel asistencial. Prevese o incremento da oferta de prazas na OPE de 2019 para as categorías de medicina de familia, pediatría, enfermería de familia, fisioterapeutas e odontólogos, ademais de mellorar a xestión das axendas e da demanda programada non urxente nos centros de saúde. Tamén a curto prazo, e no apartado do plan de necesidades, o Sergas incorporará un orzamento específico e diferenciado para atención primaria, e incrementará a capacidade de decisión dos profesionais sobre os plans formativos.

Durante a súa intervención, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, referíuse aos cambios sociodemográficos: o envellecemento poboacional, a cronicidade e pluripatoloxía, e á maior complexidade na atención sanitaria, xunto co déficit de especialistas, como as múltiples causas e o desencadenante que se dan en todo o Sistema Nacional de Saúde (SNS) non só a Galicia, e que “fixeron necesario a posta en marcha deste proceso de cambio”, dixo.

Tras agradecer a implicación dos profesionais no proceso de reformulación do primeiro nivel asistencial, Almuiña amosouse convencido que o resultado final deste proceso, unha vez superadas as reticencias e as dificultades para implantar as melloras, permitirá ter “unha atención primaria máis forte, máis accesible e máis resolutiva”.

O texto recolle as achegas formuladas por máis de cen profesionais de todas as categorías, nas 21 reunións mantidas ao longo de todo o proceso e constituídos en 10 grupos de traballo. Tamén se tiveron en conta as propostas presentadas polos profesionais a través dos correos electrónicos habilitados pola Consellería a tal fin e as aportadas polos colexios profesionais, as asociacións científicas, o Consello Asesor de Sanidade e o de Pacientes. Igualmente, o documento recolle as achegas aportadas pola cidadanía a través das 4.549 enquisas telemáticas rexistradas na plataforma É-Saúde.

Liñas estratéxicas

O borrador do novo modelo de Atención Primaria estrutúrase en seis liñas estratéxicas que abordan a creación de equipos de atención primaria nos que se definan novos roles; a coordinación e comunicación entre a atención primaria e a hospitalaria; a atención á demanda (axenda, triaxe de atención primaria, sobredemanda, domicilios, atención programada e urxente); a formación docencia e investigación; a relación cos pacientes e a comunidade e, finalmente, o plan de necesidades.

A primeira das liñas estratéxicas formula a definición da estrutura directiva de atención primaria do Sergas e das áreas sanitarias, potencia a figura de xefatura e coordinación, contempla adecuar os recursos humanos dos equipos deste nivel asistencial garantindo unha correcta continuidade asistencial con criterios de calidade, así como a reordenación das competencias dos profesionais e a mellora na atención aos pacientes fráxiles e crónicos pluripatolóxicos.

Entre as medidas a curto prazo a adoptar neste apartado inclúese a creación dunha dirección de atención primaria en cada área sanitaria, que terá entre as súas competencias, a coordinación, supervisión e avaliación de todos os recursos dos centros de saúde na respectiva área sanitaria.

Outras das medidas a implementar a curto prazo neste apartado é promover anualmente a mobilidade voluntaria dos profesionais, a través do concurso de traslados aberto e permanente e solicitar ao Ministerio de Sanidade a convocatoria das probas precisas para a obtención do recoñecemento de persoal de enfermería como especialistas en enfermería familiar e comunitaria.

A elaboración dun estudo da posibilidade de zonificación para a atención domiciliaria ou un programa de atención domiciliaria para persoas en situación de vulnerabilidade son algunhas das propostas a longo prazo. Mentres que a incorporación progresiva na contratación do persoal de enfermería especialista en medicina familiar e comunitaria, así como a abordaxe dos pacientes crónicos pluripatolóxicos complexos polo equipo interdisciplinar composto por persoal médico, de enfermería, farmacia, traballo social e fisioterapia son algunhas das medidas formuladas a curto prazo.

A segunda das liñas estratéxicas, busca mellorar a relación e a coordinación entre a atención primaria e a hospitalaria, ao obxecto de garantir que esta sexa directa, áxil e bidireccional. Outro dos obxectivos neste apartado é o de dispoñer de profesionais de referencia entre ambos niveis para facilitar a coordinación, establecer reunións periódicas de área entre profesionais; homoxeneizar e protocolizar procedementos de traballo e a coordinación e protocolos de procedementos de traballo co 061 e cos PACs. Neste senso, propóñense como accións a curto prazo habilitar a e-interconsulta entre ambos niveis asistenciais e axustar os tempos de resposta ou consensuar criterios de derivación de pacientes entre profesionais, entre outros.

Desburocratización e estabilidade

Na terceira das liñas estratéxicas, a da atención á demanda, fíxanse como obxectivos definir os criterios de calidade das axendas e mellorar a súa xestión; desburocratizar a actividade dos médicos de atención primaria e mellorar a demanda non programada ou urxente. Tamén se propón cubrir as ausencias de profesionais con criterios de calidade e seguridade para pacientes e profesionais, promovendo, neste senso, entre as medidas a curto prazo, a formalización dos nomeamentos estatutarios eventuais de continuidade que permitan dar unha maior estabilidade ao persoal substituto.

Outros dos obxectivos que se formulan nesta terceira liña estratéxica é fomentar o uso racional dos recursos pola cidadanía; a reordenación dos fluxos de traballo e mellorar a atención domiciliaria en atención primaria, coa implantación entre outras accións a curto prazo, do Telea en todos os postos clínicos, de xeito que ao remate deste ano estea dispoñible no 100% en todos os centros do Sergas. Tamén se contempla a reordenación das cotas tendo en conta as características da poboación asignada; e para elo, expóñense como medidas a medio prazo, a identificación das prazas de difícil cobertura e, a longo prazo, promover que se cubran estas a efectos de primar a prestación de servizos nas mesmas nos procesos de provisión.

A cuarta das liñas estratéxicas, a da formación, docencia e investigación, pretende incrementar a capacidade de decisión dos profesionais de atención primaria sobre os plans formativos programados pola Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) e potenciar a figura do titor e colaborador docente. Tamén se fixa como propósito, incrementar o número de centros docentes ou prazas de formación especializada. Para elo, como medida a curto prazo, solicitarase ao Ministerio de Sanidade un incremento do número de prazas MIR de Medicina, Enfermería Familiar e Comunitaria e Pediatría, ofertarase o 100% das prazas e solicitarase unha convocatoria excepcional nestas especialidades.

Facilitar a rotación de estadías noutros centros, fomentar e potenciar a investigación ou incrementar a presenza da atención primaria nas facultades de Medicina e Enfermería, son outros dos obxectivos neste apartado.

Outras das liñas estratéxicas contempladas no borrador é a relación cos pacientes e a comunidade. Neste senso, implementaranse, entre outras, medidas para avanzar na coordinación sociosanitaria nas áreas sanitarias e no ámbito local, implicar á cidadanía na mellora dos servizos de atención primaria e planificar a acción comunitaria a realizar nos centros de saúde. Unha das accións a longo prazo é a elaboración dun Plan estratéxico de intervención comunitaria que defina as liñas de actuación na potenciación de programas e hábitos de vida saudable e o desenvolvemento dun Observatorio galego de saúde materno-infantil e xuvenil.

Renovación de equipamentos

Finalmente, a última das liñas estratéxicas, establece un Plan de necesidades, no que figuran como obxectivos o desenvolvemento de sistemas de información e aplicacións informáticas acordes coas necesidades de atención primaria, e, neste senso, contémplanse, como medidas a renovación de 1.500 equipos informáticos e 5.000 equipos de impresión e a tramitación electrónica do 100% das peticións de proba.

Dentro deste Plan de necesidades e priorización das mesmas tamén se inclúe, entre outros, adecuar os espazos ás necesidades dos profesionais e dos pacientes, mellorar a historia clínica electrónica e promover a implantación da historia social única no primeiro nivel asistencial. Tamén se renovará ou se dotará aos centros de saúde do equipamento sanitario e electromédico necesario, substituírase o mobiliario preciso e realizarase a avaliación do plan de necesidades dos centros de saúde, contado coa participación dos profesionais. Para levar a cabo este plan, manterase a tal efecto un orzamento específico destinado a atención primaria.

Na presentación do borrador participaron, xunto ao conselleiro de Sanidade, o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, e do director de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal Viñas, os recoñecidos médicos, Armando Martín-Zurro e Andreu Segura Benedicto, especialistas en Medicina de Familia e Comunitaria e Salud Pública, respectivamente.
R.