Skip to main content

A Deputación da Coruña presenta aos concellos o seu plan para acelerar a transformación dixital na provincia

O deputado responsable da área de Promoción Económica e Emprego, José Luís García García, e o xefe do servizo de Informática e Administración Electrónica da Deputación, Miguel Lorenzo Turbón, presentaron hoxe aos alcaldes, concelleiros e técnicos da provincia o programa PEL-Concello Dixital, co que o goberno provincial pretende impulsar a transformación dixital dos pequenos concellos coruñeses en 2019.

José Luis García explicou que a Deputación vén de aprobar a inclusión no Plan de Emprego Local (PEL) dunha nova liña denominada PEL-Concello Dixital, cun orzamento de 693.209 euros, que permitirá a contratación de técnicos especialistas que darán soporte in situ e acelerarán a implantación da e-administración nos concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes.

Segundo explicou o deputado, a través desta iniciativa a Deputación da Coruña pretende “crear emprego, axudar a mellorar a formación e cualificación dos empregados municipais, facilitar as relacións entre a administración local e a cidadanía e incrementar a transparencia na xestión municipal”.

García que destacou o que o programa ten como obxectivo “facilitar a transición cara unha administración local 100% electrónica” e “conseguir que a provincia da Coruña sexa un referente neste ámbito”.

A Deputación Provincial da Coruña conta cunha dilatada traxectoria no campo de provisión de tecnoloxía, soporte e servizos TIC aos municipios coruñeses que a converten no principal referente tecnolóxico para os concellos da provincia. Ao longo dos últimos anos, o goberno provincial veu desenvolvendo distintos proxectos de modernización e dixitalización da administración provincial, así como de implantación de novas tecnoloxías nos concellos, singularmente nos máis pequenos, con menor capacidade técnica e económica para adaptarse á dixitalización.

12 especialistas darán soporte in situ aos concellos

Para a implantación do programa PEL-Concello Dixital, o servizo de Informática e Administración Electrónica da Deputación conta coa colaboración técnica da consultora tecnolóxica Everis, que vén de gañar a licitación pública para a coordinación do programa e que conta cunha dilatada experiencia neste ámbito, tanto no sector público coma no empresarial.
O programa suporá a contratación dun xefe de proxecto, dous coordinadores e un mínimo de 9 axentes altamente cualificados (titulados universitarios con máis de dous anos de experiencia no desenvolvemento de proxectos de formación e transformación dixital na administración). En total, o plan supón a contratación inicial de 12 persoas, oito mulleres e catro homes, que hoxe estiveron nesta primeia reunión de traballo e que se encargarán de axudar aos concellos neste proceso de transformación dixital.

Equipo multidisciplinar

O equipo contará con expertos/as en aspectos coma contratación eléctronica e procedemento administrativo , xestión documental e de arquivos, protección de datos, ciberseguridade ou tecnoloxías de comunicación , que realizarán o seu traballo nos concellos da provincia, formando ao persoal municipal, asesorando e favorecendo a implantación da Administración Dixital nestes e outros ámbitos (tanto os desenvolvidos directamente pola Deputación como os xestionados pola Xunta de Galicia ou pola Administración do Estado), así como nos asociados á implantación da tramitación electrónica de expedientes TEDeC e outras plataformas integradas (SIR, Notifica. gal, sedes electrónicas municipais, plataformas autonómicas e estatais, etc.), garantindo os dereitos dos cidadáns para relacionarse por medios electrónicos coa Administración, e promovendo a transparencia.

O plan de formación que inclúe o programa pretende chegar a máis de 600 empregados públicos da provincia no prazo de un ano, a maior parte persoal administrativo, pero tamén secretarios, tesoureiros, interventores e responsables de Informática dos concellos da provincia.
R.