Skip to main content

O Sergas crea unha unidade de diagnóstico e asesoramento das patoloxías derivadas da exposición ao asbesto

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, anunciou hoxe que Ferrol contará antes do verán cunha unidade de diagnóstico e asesoramento das patoloxías derivadas da exposición ao asbesto de referencia para todos os pacientes que teñen cobertura do Sergas. Case a práctica totalidade dos casos destas patoloxías concéntrase na área sanitaria ferrolá.

Almuiña afirmou que para esta nova unidade vaise contratar un neumólogo, un profesional de enfermería e un auxiliar de enfermería, ademais dun auxiliar administrativo. Tamén se contempla a adquisición de equipamento específico para a realización de probas complexas.

En concreto, Almuiña referiuse aos obxectivos estratéxicos que persegue esta unidade e entre os que destacou a ampliación da carteira de servizos, conseguir unha óptima coordinación asistencial con atención primaria, garantir a seguridade das intervencións ou fomentar a investigación clínica de alto nivel. Tamén mencionou a orientación da actividade cara ás necesidades dos pacientes, asegurando a equidade no proceso de atención sanitaria.

A creación desta unidade tamén dará resposta ás demandas realizadas dende a Asociación galega de vítimas do amianto (AGAVIDA) e das organizacións sindicais participantes na comisión de seguimento do programa de traballadores expostos ao asbesto, constituída na EOXI de Ferrol.

Actualmente, dixo o conselleiro, existe unha consulta específica para atender ás persoas afectadas pola exposición ao asbesto, que conta cun neumólogo e outro persoal sanitario como un profesional de enfermería e un auxiliar. Nela son atendidos anualmente arredor de 1.050 pacientes con 1.100 consultas, 1.077 probas de función respiratoria, 193 tomografías computerizadas (TACs) e 608 radiografías de tórax.

Almuiña lembrou que en Galicia xa se está desenvolvendo dende o ano 2001un Programa Integral de vixilancia da saúde dos traballadores que estiveron expostos o asbesto. Por unha banda elaborouse un rexistro no que se incluíron tanto os traballadores activos como os que xa estaban de baixa das empresas, sempre coa idea de que un diagnóstico correcto e un manexo temperán son puntos clave para o prognóstico da enfermidade.

Por outra banda, creouse o programa específico de seguimento de postexpostos polo que se remitiron cartas dirixidas tanto aos traballadores afectados como aos profesionais que debían avalialos para iniciar recoñecementos médicos, e con indicación de que as patoloxías detectadas debían derivarse ao hospital para seguimento.
R.