Skip to main content

O Plan Senda 2020, que persegue a plena dixitalización da xustiza e a consolidación da implantación do Expediente Xudicial Electrónico, a evaluación

A Cidade da Cultura acolleu esta mañá unha das xuntanzas de traballo de seguimento do Plan Senda 2020 para a modernización da Xustiza en Galicia. No encontro participaron o vicepresidente e conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica en Galicia (Amtega), Mar Pereira; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, así como os presidentes das Audiencias provinciais e os xuíces decanos.

Na xornada abordouse o nivel de desenvolvemento do Expediente Xudicial Electrónico, que en Galicia ten todas as súas pezas en funcionamento así como o uso que os profesionais fan diferentes sistemas e aplicacións que se están a implantar no marco do Plan. A sinatura dixital, o visor do Expediente Xudicial Electrónico, o inicio das demandas online foron algúns dos temas tratados.

Sinatura dixital

A extensión da sinatura dixital e a súa integración con Minerva son parte das medidas para a implantación do Expediente Xudicial Electrónico en Galicia. En 2018 asináronse dixitalmente preto de 900.000 documentos nos xulgados galegos, unha cifra cinco veces superior á rexistrada o ano anterior

O incremento do uso da sinatura dixital está directamente relacionado co aumento de órganos xudiciais habilitados con esta funcionalidade, que pasaron de 2 a principios de 2017 a 136 ao remate de 2018. Ademais, a integración da sinatura dixital co sistema de xestión procesual Minerva que empregan xuíces, letrados, funcionario e con Fortuny o sistema dos fiscais facilita un maior uso da firma electrónica.

Visor

Xunto coa extensión da sinatura dixital outra das medidas do Plan Senda foi posta á disposición de maxistrados, letrados, fiscais e funcionarios a consulta online de calquera expediente xudicial a través do Visor, unha solución única e multidispositivo, que está implantada xa desde 2018 na totalidade dos órganos xudiciais galegos. O ano pasado o visor rexistrou 43.000 visitas, un 34% máis que en 2017.

Repositorio unificado

Os expedientes en formato electrónico albérganse no repositiorio unificado xudicial, a pedra angular é da que se serven as novas aplicacións e servizos dixitais (o visor, a sede electrónica, o portal de xustiza...). Centraliza en único punto toda a información xudicial, datos e documentos que se xera diariamente na tramitación de calquera procedemento en calquera órgano xudicial.

Este repositorio integra máis de 32 millóns de documentos, o dobre que en 2017. Cada día rexistra 40.000 novos documentos e outros 50.000 modificados

Demandas online

Nos últimos cinco meses de 2018 os galegos presentaron a través da sede xudicial electrónica un total de 270 procedementos monitorios, unha fórmula xudicial para reclamar impagos, que non precisa da intervención dun avogado ou dun procurador.

A presentación telemática de procedementos monitorios comezou a implantarse o pasado ano nos órganos xudiciais de Vigo e A Coruña e, actualmente, xa está habilitada en todos os partidos xudiciais para os procedementos monitorios das xurisdicións civil ou social.

A través de https://sede.xustiza.gal os cidadáns tamén poden facer un seguimento do procedemento e consultar os expedientes xudiciais dos que son parte través do espazo “a miña carpeta”, que durante 2018 rexistrou máis de 11.000 accesos.

Na sede tamén se pode comprobar a autenticidade e integridade de documentos electrónicos emitidos pola Administración de Xustiza en Galicia, e dar de alta un aproderamento de xeito electrónico rexistrar un apoderamento apud acta O obxectivo é que a sede se consolide como canle única para todas as actuacións, procedementos e servizos do ámbito xudicial.

Plan Senda

Conseguir un plena dixitalización da xustiza e consolidar a implantación do Expediente Xudicial Electrónico (EXE), cuxas pezas están todas en marcha na Comunidade. Ese é o obxectivo principal do Plan Senda 2020, que se puxo en marcha en 2015 cunha dotación de máis de 26 millóns de euros ata o 2020. En total, ambos plans sumarán un investimento de case 50 millóns de euros en 2020.
R.