Skip to main content

A segunda edición de 'Serán. Encontro Galego de Cultura Popular' porá en valor as bandas de música

Talleres para a cativada, master classes, obradoiros de baile, conferencias, unha exposicións de instrumentos antigos e un gran baile na Praza Central do Gaiás completarán o programa desta nova entrega que se desenvolverá en distintos espazos do complexo, incluíndo o Auditorio ao aire libre do Xardín do Teatro, que se encontra agora mesmo a punto de rematar as súas obras.

O Serán. Encontro Galego de Cultura Popular naceu en 2018 impulsado pola Xunta de Galicia como un evento de primeira orde, con vocación de consolidarse no tempo como unha gran plataforma destinada a reunir, protexer e pór de relevo todas as iniciativas que xorden no seo da cultura asociativa de base popular.

Serán’02 procura así, en palabras de Quique Peón “poñer en valor unha manifestación artística tan arraigada na cultura galega como son as bandas de música, que en moitos casos naceron das pequenas charangas ou murgas que había en tantos lugares da xeografía galega”. A día de hoxe, moitos músicos galegos tocan nas mellores bandas do mundo e as bandas galegas están consideradas entre as mellores de Europa polo seu alto nivel artístico. Segundo estimacións da Federación Galega de Bandas de Música, en Galicia contamos a día de hoxe con máis dun cento de agrupacións que aglutinan a uns 8.000 músicos e no seo das que aprenden música uns 5.000 nenos e nenas.

A primeira edición deste Encontro Galego de Cultura Popular, celebrada en xuño de 2018, estivo especialmente centrada no baile e música tradicional con motivo da súa declaración como Ben de Interese Cultural, cuxa tramitación se iniciaba en abril do pasado ano coa incoación do expediente e que prevé resolverse antes do prazo máximo previsto de dous anos. Este procedemento está destinado a preservar e salvagardar o baile como parte do patrimonio inmaterial galego.

Así, ata un milleiro de bailadores e bailadoras de todas as idades, acompañados de artistas consolidados do folk galego actuaron no Gaiás durante os tres días que acolleu o Serán’01, con nomes de primeira orde como Ugía Pedreira, Susana Seivane, Xosé Manuel Budiño, Uxía Senlle, Davide Salvado ou Leilía, que compartiron espazo e escenario con numerosas agrupacións do noso folclore tradicional.
R.