Skip to main content

A mostra 'Sonoro Empeño' presenta os 'Sábados musicais' para os máis pequenos

No marco do proxecto multidisciplinar «Sonoro empeño. A música nas Coleccións ABANCA e Afundación», ABANCA e Afundación organizaron unha extensa programación de actividades complementarias. Nesta ocasión presenta o ciclo de actividades «Sábados musicais» dirixidos a nenos e nenas de entre 4 e 9 anos. Desenvolveranse todos os sábados do mes de abril, de 11.30 a 13.00 h, no Centro Obra Social ABANCA (Cervantes, 19) e para participar é preciso anotarse en areaeducativacompostela@afundacion.org ou no teléfono 981 552 577. As prazas son limitadas e é preciso levar un mandil.

Esta proposta responde o propósito da entidade de potenciar as experiencias interactivas dentro das súas actividades para estender a programación máis aló da propia exposición, mostrando na práctica o diálogo permanente entre as distintas disciplinas artísticas, e desenvolver a actividade cultural fóra dos espazos onde se desenvolve tradicionalmente.

SÁBADOS MUSICAIS EN AFUNDACIÓN

O primeiro taller, «Os fíos prodixiosos da música», celebrarase o sábado 6 de abril. Consistirá na audición e visionado de obras relacionadas cos instrumentos de corda. Os asistentes poderán coñecer curiosos instrumentos de corda que xamais imaxinarían que o son, e no taller fabricarán o seu propio instrumento: unha caixa de son con corda tensada para poder facer soar uns acordes.

En «Aporrear con sentido tamén é música» os instrumentos de percusión serán os protagonistas. Audicións, pintura e creatividade para construír un auténtico tambor co que poder gozar.

O seguinte sábado tocaralles a quenda aos instrumentos de vento no taller «O vento que se desliza produce música», con frautas, trompetas e trombóns. Ademais, os participantes construirán unha frauta máxica.

O programa rematará con «Pentagramas máxicos» dedicado ás orquestras, os dúos, os conxuntos e os grupos musicais.

A EXPOSICIÓN

A través de 51 pezas asinadas por artistas como Wassily Kandinsky, Pablo Picasso, José Manuel Broto, Óscar Domínguez, Rafael Úbeda, Urbano Lugrís, Luis Seoane, Menchu Lamas, Xaime Quessada, Elena Gago ou Susana Solano entre outros, este proxecto expositivo ilustra a relación e os puntos en común que comparten a música e as artes plásticas. Mediante obras pertencentes ás Coleccións de arte de ABANCA e Afundación, asume o ambicioso reto de amosar este vínculo, un tema recorrente ao longo da historia da arte que foi obxecto de numerosas teorizacións e reflexións e deu pé a novas formas creativas.

A mostra poderase visitar ata o vindeiro 15 de setembro no Centro Obra Social ABANCA, de martes a venres en horario de 17.00 a 21.00 h, e os sábados, domingos e festivos, de 11.30 a 13.00 h e de 17.00 a 21.00 h, e contará con servizo de audioguía.

A PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES

A música, de diferentes xéneros e estilos, ocupará un lugar protagonista da programación, con agrupacións como o grupo de danza Media Punta, O Coro da Rá, Carolina Rubirosa e Rafael Otero, Oh Ayatollah, o Trío Modulador de Ondas e Samuel Diz.

Desde o 25 de abril ao 25 de maio terá lugar o ciclo de cinema sobre arte e música «Sonoro Empeño» cun cartel conformado polas películas Mr. Turner, de Mike Leigh; Loving Vincent, de Dorota Kobiela e Hugh Welchman; La dama de oro, de Simon Curtis; Big eyes, de Tim Burton; e El profesor de violín, de Sérgio Machado.

Ademais, propoñerase unha nova maneira de gozar da sétima arte con proxeccións acompañadas de música en directo. Os músicos Lois Carlín e Pablo Seoane poñerán o acompañamento musical a clásicos do cinema como El maquinista de la General (The general) e El fotógrafo (The cameraman) de Buster Keaton.

Para os máis pequenos preparouse a programación «Sonoro miúdo» con obradoiros infantís de instrumentos musicais reciclados; o taller musical para bebés Moraima; o musical infantil de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos, A meniña e ou grilo máis aló; o espectáculo musical que repasa a historia do jazz, Gallaecia Gallaeciños; e Cousas de catro, de Odaiko Percusión, un espectáculo con instrumentos de percusión.

Para rematar a extensa programación, tomará o protagonismo a gastronomía co chef Pepe Solla, quen ofrecerá un taller demostración – degustación.

Ademais, a Área Educativa de Afundación deseñou unha serie de didácticas adaptadas aos diferentes tramos de idade para que os escolares da cidade e comarca compostelá gocen e aprendan coa música, as artes plásticas e os grandes autores do panorama artístico. Así, os escolares de infantil a 3.º de primaria poderán participar na didáctica As catro estacións da arte e a música; desde 4.º de primaria a 2.º de ESO, en Das audicións ás sensacións; e os de 3.º e 4.º de ESO, bacharelato e ciclos formativos, en Sonoro empeño.
R.