Skip to main content

O Plan Galicia Emprende incrementa nun 28% as axudas a pemes e autónomos para impulsar un total de 200 novos proxectos empresariais

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que a nova edición do Galicia Emprende contará cunha achega de 9 millóns de euros, un 28% máis que na pasada edición, para apoiar 200 proxectos de autónomos e emprendedores, que mobilizarán investimentos por valor de 24 millóns de euros e cunha previsión de creación ou mantemento de 700 postos de traballo.

Feijóo destacou que o Galicia Emprende ten como obxectivo “favorecer a creación de novas empresas e consolidar proxectos que leven menos de 42 meses funcionando, que é cando máis se necesita”. Así, salientou que o importe dos investimentos apoiados oscilará entre os 25.000 e os 500.000 euros, e fixo unha comparativa das dúas convocatorias do Galicia Emprende: este ano achéganse 9M€ en lugar dos 7M€ do ano pasado; chegarase a 200 proxectos, mentres que no 2018 foron 159; mobilizaranse 2M€ mentres que na anterior foron 16 M€, e crearanse 700 postos de traballo, 313 máis que na primeira convocatoria.

O presidente da Xunta recordou que a Xunta de Galicia conta cunha serie de ferramentas para as pequenas empresas e para as empresas que acaban de constituírse que teñen unha idade de menos de 3 anos e medio ou que queiran constituír unha empresa nova: a plataforma StartIN Galicia, que ofrece un apoio integral a todos os proxectos que nadas das incubadoras, os préstamos directos da liña de Instrumentos Financeiros Innovadores (IFIs) e os préstamos participativos ou capital risco a través do Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras.

Para concluír, Feijóo puxo como exemplo de éxito algúns dos proxectos de anteriores edicións do Galicia Emprende. Destacou o caso dun taller mecánico situado no polígono Industrial das Gándaras (Lugo), que investiu medio millón de euros mantendo 6 postos de traballo e creando outro; unha escola hípica en Gondomar, cun investimento de 361.000€ e a creación de 10 empregos; unha adega de Ribadumia, cunha inversión de 270.000€ e creación de 10 postos de traballo; un restaurante de cinco garfos de produto de mar fresco na Marina da cidade da Coruña, cun investimento de 400.000€ e 7 empregos; ou un taller mecánico en Pontevedra promovido por dous emprendedores e que tivo un investimentos de 290.000€ e creou dous postos de traballo.
R.