Skip to main content

O VIII Festival Primavera do Cine proxectará máis dunha trintena de curtametraxes galegas, lusófonas e de animación entre o 30 de abril e o 5 de maio

A sección lusófona compóñena ata un total de 12 traballos en lingua portuguesa de diferentes países distribuídos en tres bloques.

O pistoletazo de saída á VIII edición do Festival Primavera do Cine, darao o primeiro bloque o 30 de abril ás 19:30 no Auditorio do Instituto Camões.

Os asistentes a este primeiro pase gozarán de historias como Madness de João Viana, estreada na Berlinale de 2018, unha historia que reflexiona sobre o colonialismo e como pode chegar a converterse nunha enfermidade mental.

No segundo bloque de curtametraxes lusófonas destacan: Equinócio de Ivo M. Ferreira, un drama sobre a perda da memoria; Altas cidades de Ossadas de João Salaviza, un relato sobre Karlon, o pioneiro do Cape Verde Creole Rap e estreado na Berlinale de 2017; ou Terrain Vague de Latifa Saïd, seleccionado en TISFF de Grecia en 2017 ou no Festival Internacional de Curtametraxes Vila do Conde.

O último bloque está composto por pezas como: Pele de luz de André Guiomar, un documental sobre a persistencia da maxia negra nalgunhas comunidades de Mozambique e que formou parte da sección oficial de Doclisboa 18 e gañou o Premio do Xurado ao Mellor Curto da Categoría A Raia no Festival Internacional de Curtos Via XIV de Verín; ou Flutuar de Artur Serra Araújo, unha historia en clave poética sobre a mesquindade e o absurdo.

SECCIÓN GALEGA

Nesta edición serán 9 os traballos que conforman a sección oficial de curtametraxes galegas e dividiranse en dous bloques.

Dentro do primeiro bloque atópanse: Mariñeiro de Juan Galiñanes, un falso documental protagonizado por Celso Bugallo que aborda as dificultades do traballo no mar e que recibiu a Mención Especial do Xurado na última edición do Ourense Filme Festival (OUFF); Plus ultra de Samuel M. Delgado e Helena Girón, unha peza de ficción experimental que fabula sobre a colonización; ou Beautiful Boy de Fran X. Rodríguez, unha historia sobre o consumismo que estivo nomeada a Mellor Curtametraxe na última edición dos Premios Mestre Mateo.

No segundo bloque poderanse ver: A nena azul de Sandra Sánchez, unha cinta de ton fantástico sobre a filla dun mariscador furtivo que non atopa ao seu pai; Americano de Fon Cortizo, un documental impactante sobre a vida de Xavier, un poeta cun pasado tráxico que atopou na poesía unha saída á dor e a ira; ou Uganda de Fernando Tato que profunda na necesidade que temos de cando en vez de revelar os segredos que nos oprimen.

SECCIÓN DE ANIMACIÓN

Para pechar a selección de curtametraxes do VIII Festival Primavera do Cine haberá ata 13 curtametraxes de animación divididos en dous bloques.

No primeiro deles poderanse ver pezas como: El rejoj de Borja Santomé, unha curta en branco e negro de estilo pictórico que trata sobre a viaxe interna e externo da costa á gran cidade en clave de experimentación pasional; Á tona de Filipe Abranches, a curiosa historia do naufraxio dun aviador que obtivo a Mención Especial do Xurado na Monstra do Festival de Animaçao de Lisboa de este mesmo ano; Soy una tumba do recoñecido animador Khris Cembe que conta a historia do paso forzado á madurez dun neno ao ser testemuña dun crime e que obtivo o Premio do Público e o Premio á Mellor Curtametraxe Nacional no 3D Wire Fest e tamén o premio á Mellor Curtametraxe de Animación nos últimos Mestre Mateo; ou Rãzao entre dois volumes de Catarina Sobral que obtivo a Mención Especial do Xurado no Short of the Year en 2018.

No segundo inclúense cintas como: La noche de Martín Romero, unha idílica aventura de amor entre unha muller lúa e un home lobo; Luscofusco de Javier Portomeñe que nos ensina todos eses seres máxicos que só se poden ver durante o luscofusco; ou Entre Sombras de Mónica Santos e Alice Guimarães, un traballo que obtivo múltiples premios e mencións como Mellor Curta de Animación pola Academia Portuguesa de Cinema (2019) o Premio do Público á Mellor Curta na Monstra Lisboa Animated Filme Festival (2019) ou o Premio do Público no Piccolo Festival of Animazione (2018) entre outros.

En definitiva, a octava edición do Primavera do Cine mostrará creacións dunha gran calidade artística e visibilizarán o traballo de realizadores galegos e lusófonos de curtametraxe.

As obras poderanse ver non MARCO e no Instituto Camões e, do mesmo xeito que en edicións anteriores, terán prezos populares.