Skip to main content

Robótica para peques, charlas sobre o bo uso da internet e o experimento espacial Hana na Technium R Encounter

Desta volta o proxecto é a programación e construción dunha cidade: un coche con plastilina condutiva (con luz propia), un semáforo programado ou unha barreira de acceso son algunhas das cousas que os pequenos poderán artellar neste obradoiro de dúas horas de duración e para un máximo de 30 persoas. A través dunha experiencia divertida, os cativos son quen de coller máis seguridade en si mesmos e de lle dar saída ao seu talento.
Aí están, ademais, os valores do emprendemento e o miolo dos chamados “conceptos STEAM”: ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas. A idea é que os pequenos pasen de ser meros consumidores pasivos de tecnoloxía a botar man dela creando e aprendendo. Para acadar estes obxectivos, crea R conta coa bagaxe do método educativo de Líbolis, Pequenos Emprendedores, a única escola de emprendemento na nosa comunidade.

Educando nun bo uso das novas tecnoloxías

E mentres os máis pequenos traballan no obradoiro de robótica nun prototipo de cidade, os maiores escoitarán na mesma zona do recinto de Expourense os consellos dun pedagogo especializado para resolver dúbidas sobre a educación dos que si naceron na era dixital; e sobre o bo uso que adolescentes e millennials poden facer da internet e das redes sociais. A través de casos prácticos e dinámicas, pais, titores, avós ou educadores atoparán respostas a inquedanzas como, por exemplo, a que idade deben ter móbil os rapaces ou que límite de horas se lle debe poñer ao uso das pantallas. Tamén se falará da nova terminoloxía neste eido (cyberbulling, sexting, grooming...) e de como nos afecta a todos o cambio dixital.

Pilotando as sesións, pensadas para un máximo de 40 persoas, os expertos de Sherpa Digital, que intentarán botarlle luz a todas esas dúbidas dos adultos sobre a contorna dixital e a xente nova.

Periplo galego para o público xeral

Tras o éxito de edicións anteriores crea R reactivouse hai semanas en Carballo, Vilanova de Arousa e na ICC Week ourensá; e tras recalar de novo en Ourense, na Technium R Encounter, visitará ata final de ano outras localidades galegas coma Ferrol, Nigrán, A Coruña, Pontevedra, Cangas, Betanzos e Lugo.

Ambas as dúas accións, obradoiros e charlas, están abertos ao público xeral, tanto a clientes coma a non clientes do operador galego. Tan só cómpre apuntarse e cubrir o formulario dispoñible no blog de R (www.blog.mundo-r.com). Darase un máximo de dúas entradas por solicitante, por orde de inscrición e ata cubrir os aforos dispoñibles.

...e a carreira espacial, á man da rapazada

E para diversificar esta oferta lúdica da extranet da Technium R Encounter chega á lan party o proxecto Hana Hamsternauta, patrocinado por R e coa idea de poñer a carreira espacial ao alcance de nenos (e seica non tan nenos).

A proposta de Hana vai especialmente dirixida aos centros de educación, para que participen no reto de lanzar un “dummy” ao espazo coa axuda dunha sonda e dun globo meteorolóxico, conseguir as mellores métricas e recuperalo posteriormente con ‘vida’. Un proxecto, en suma, colaborativo, dixital e interxeracional ao que poden achegarse os visitantes da Technium en vindeiros días.
R.