Skip to main content

O Gaiás presentará unha intervención artística de María Arceo con plásticos recollidos no río Sar e na costa galega

Tanto nesta limpeza, como na de hoxe no río Sar, procúrase unha chamada de atención á cidadanía co obxecto de sensibilizar do exceso de lixo que produce a sociedade actual. Da mesma forma, trátase dun xeito de implicar a poboación en diminuír este consumo e tamén na redución da contaminación.

Precisamente, a intervención artística de María Arceo, Plástico a mareas, alerta da enorme cantidade de plástico que se consume e do grave risco que supón isto para os fondos mariños e praias. De aí, a súa participación na campaña de limpeza de hoxe no río Sar en Santiago de Compostela, a súa cidade natal, aínda que leva vivindo en Londres desde 1984.

Ademais deste lixo, Plástico a mareas comporase dos refugallos de plástico que María Arceo está recollendo das súas batidas por praias galegas durante este mes de maio. Á vez, ten aberta unha campaña de colaboración para que todas aquelas persoas que, de xeito individual ou en colectivos estean a facer limpezas no litoral galego, traian o recollido para que forme parte da intervención. Deste xeito, a artista pretende tamén pór en valor a aportación desinteresada da xente na mellora da situación do noso medio.

Inauguración o Día Internacional do Medio Ambiente

Plástico a mareas inaugurarase o 5 de xuño, coincidindo ex profeso co Día Internacional do Medio Ambiente, xa que a artista compostelá María Arceo ten unha elevada sensibilidade e preocupación ante a contaminación dos espazos naturais, sobre todo da producida polos plásticos.

Así, tamén no río Támesis levou a cabo unha limpeza similar á de hoxe no Sar e todas as súas instalacións e intervencións van encamiñadas nesta liña de denuncia e alerta sobre a contaminación provocada polo exceso de consumo de plástico.

As Torres Hejduk foron as primeiras pezas que se alzaron na Cidade da Cultura e as únicas que non pertencen a Eisenman, senón ao arquitecto John Hejduk, que as concibiu como torres botánicas para o parque de Belvís. É un espazo que habitualmente acolle intervencións artísticas, tamén dentro da programación do Encontro de Artistas Novos (#EAN), que nesta novena edición exhibirá Stay here, de Alejandro Ginés.
R.