Skip to main content

Galicia traballa para marcar a diferenza a través dos seus proxectos biotecnolóxicos, que presenta nunha xornada sobre a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia RIS3

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe que Galicia está a traballar para marcar a diferenza na Unión Europea a través dos seus proxectos biotecnolóxicos no marco da terceira xornada organizada pola Xunta para avaliar os resultados da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, a RIS3.

Nesta ocasión, fíxose balance do Reto 3, centrado en acadar un novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo. Conde sinalou a importancia deste obxectivo dadas as características demográficas que ten a Comunidade galega, o significado que ten para a calidade de vida dos cidadáns e o potencial no sector agroalimentario. O que se busca é facer de Galicia unha rexión líder no sur de Europa na oferta de servizos e produtos relacionados cun modelo de vida saudable.

Así, o conselleiro incidiu no protagonismo que ten Galicia no conxunto da Unión Europea a través dos seus proxectos biotecnolóxicos, lembrando que a Comunidade é a terceira con máis empresas deste sector. Puxo de manifesto, así mesmo, o esforzo que está a facer a Administración autonómica en I+D+i e a colaboración coas fundacións sanitarias, as universidades e o tecido empresarial.

Esta cooperación ten permitido poñer en marcha a primeira aceleradora dedicada á industria alimentaria en colaboración con Clusaga, a Business Factory Food, que apoiará 26 proxectos ao longo de tres convocatorias -a primeira xa está en marcha-. O conselleiro tamén se referiu á primeira aceleradora de empresas no sector biotecnolóxico, BioIncubaTech, e á Estratexia galega de impulso á biotecnoloxía, que xa mobilizou 198 millóns de euros, e que, en palabras de Conde, “está permitindo a Galicia diferenciarse desde o punto de vista do reto demográfico a través da innovación e a incorporación de novas tecnoloxías”.

Conde, ademais, resaltou o impulso da Xunta aos Hubs de innovación dixital, un modelo baseado na colaboración público-privada para ofrecer mellores servizos desde a Administración e definir o novo ecosistema innovador en Galicia. De feito, un dos Hubs postos en marcha está centrado neste ámbito biotecnolóxico e nas ciencias da vida e liderado por Bioga.

Para rematar, o conselleiro indicou que a RIS3 xa mobilizou máis de 1200 millóns de euros, un 73% do previsto, e permitiu a concesión de 3683 axudas, dúas ao día, sendo pemes case 9 de cada 10 as beneficiarias.
R.