Skip to main content

O selo 'Galega 100%', impulsado pola Xunta para acreditar o leite galego de calidade diferenciada, consolidado no mercado

En menos dun ano, Galega 100% tense consolidado no mercado como referencia do leite de calidade producido e envasado en Galicia. Empregado inicialmente por Leyma, Feiraco, Larsa e Deleite, moitas outras empresas fóronse sumando a el.

Todas estas empresas gandeiras están inscritas no Rexistro Galego de Explotacións de Calidade Diferenciada, creado polo Decreto 57/2010, do 8 de abril, e modificado posteriormente para perfilar as condicións de integración.

“Galega 100%”, marca impulsada pola Xunta para a valorización do leite galego, creouse para dar resposta a unha antiga demanda do sector. Apareceu hai oito anos, en febreiro de 2011, como a única identificación que avala o leite de calidade diferenciada, como un produto da máxima calidade, suxeito aos controis dos servizos veterinarios oficiais da Xunta de Galicia e garantido pola certificación de calidade do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL).



O sector do leite

Galicia é na actualidade a oitava rexión europea produtora de leite. O seu sector lácteo –que ten a consideración de sector estratéxico- produce arredor do 40% do leite de España e comprende máis da metade do total das explotacións lácteas españolas.

Os máis de 7.000 gandeiros galegos facturan anualmente arredor de 800 millóns de euros e a produción de leite no 2018 chegou aos 2,8 millóns de toneladas, consolidando a Galicia como líder nacional indiscutible.

Na actualidade, o selo Galega 100% tense acreditado como identificador dun produto da máxima calidade, que permite ao consumidor unha identificación fácil e sinxela, o que contribúe a poñer en valor este produto nos mercados. O consumidor ten a seguridade de mercar un produto de Galicia, dunha calidade excepcional.

Desde a Xunta de Galicia, a través de Medio Rural, estase desenvolvendo un importante labor de promoción, no que hai que destacar nos cinco primeiros meses deste ano a presenza en sete importantes eventos relacionados coa gastronomía e co deporte, como o Fórum Gastronómico da Coruña, a feira Xantar de Ourense, Expordes 2019. Ademais, tamén se promocionou o seu consumo na carreira pedestre de Frades ou en varios partidos de baloncesto na cidade das Burgas, téndose repartido nestes acontecementos arredor de 30.000 unidades de briks de leite amparado con esta marca de calidade, xunto con información ao consumidor sobre como identificar este leite nos diferentes puntos de venta e coñecer as garantías e o significado da marca.

O día Mundial do Leite

O pasado sábado 1 de xuño Galicia sumábase á celebración do Día Mundial do Leite, instituído pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), que comezou a celebrarse no ano 2001. O obxectivo desta iniciativa é fomentar o consumo de leite e de produtos lácteos entre a poboación, tendo en conta os seus indubidables beneficios para a saúde.

Na web de Galega 100% pódese consultar todo o relacionado co selo, os requisitos que debe ter o leite para ser “Galega 100%” ou os produtos certificados con este selo. E na web do Ligal pode consultarse a relación das empresas que, na actualidade, producen este leite.

R.