Skip to main content

O Banco de España volve ratificar que Galicia é das comunidades con menor endebedamento, 6,1 puntos menos que a media

O endebedamento da Comunidade Autónoma de Galicia ao peche do primeiro trimestre situouse no 18,3% do PIB, segundo os datos do Banco de España, que volve ratificar que Galicia é unha das comunidades autónomas –a quinta– con menor endebedamento, 6,1 puntos menos que a media.

Galicia conseguiu reducir nove décimas o seu endebedamento sobre o primeiro trimestre de 2018, que era do 19,2%. En canto á evolución trimestral, o aumento de tres décimas respecto á ratio do cuarto trimestre de 2018 (18,0%) débese á que Galicia concentrou nos primeiros meses deste ano a maior parte das emisións de débeda e dos ingresos do Fondo de Facilidade Financeira de todo o exercicio, ao igual que sucedeu en anos anteriores.

En todo caso, a previsión da Xunta é que este indicador seguirá baixando nos vindeiros trimestres, para que 2019 sexa o terceiro ano consecutivo no que Galicia logra reducir a súa ratio de débeda. En termos absolutos, a débeda total das comunidades autónomas situouse en 296.658 millóns, dos que 11.587 millóns –o 3,9% do total- corresponden a Galicia.

No peche do primeiro trimestre, o endebedamento de Galicia é 6,1 puntos inferior á media autonómica, situada no 24,4%, e grazas a este mellor comportamento Galicia evitou na última década a emisión de máis de 3.800 millóns de euros de débeda. En todos estes anos, a Comunidade Autónoma cumpriu sempre o límite de débeda autorizado polo Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), e desde 2016 iniciou unha senda de redución do seu endebedamento que continuará nos vindeiros exercicios.
R.