Skip to main content

Atención ao Patrimonio construído nos concellos galegos de menos de 50.000 habitantes

O obxectivo deste Fondo de cooperación é facilitar que os concellos acometan actuacións de recuperación e posta en valor do patrimonio construído, co obxecto de recuperar ámbitos en estado deficiente de conservación, como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do medio ambiente, da paisaxe e do territorio en aras de mellorar a calidade de vida dos cidadáns, facilitando que podan dispoñer dunha vivenda digna e axeitada.

Neste sentido, o Fondo contribuirá a facilitar aos concellos as actuacións subsidiarias de rehabilitación nos casos en que os propietarios das vivendas desatendan as súas obrigas. Nestes caso a normativa vixente permite aos concellos actuar subsidiariamente e despois reclamar aos propietarios o importe das actuacións realizadas, pero moitos concellos non exercen o seu dereito por non dispoñer do financiamento necesario, ao que agora poderán acceder, con xuro cero, a través deste Fondo de cooperación.

A través deste Fondo de cooperación, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) concederá préstamos sen xuros aos concellos para realización de diversas obras de rehabilitación de edificacións, co compromiso das administración locais de devolver as cantidades percibidas.

Con cargo ao fondo de cooperación poderán financiarse as seguintes actuacións:

- Actuacións promovidas polos concellos no desenvolvemento das competencias que lles atribúe a lexislación urbanística, en relación cos deberes de conservación e rehabilitación.
- Actuacións de rehabilitación e rexeneración urbanas realizadas polo concello dentro das propias políticas municipais en materia de conservación e recuperación do patrimonio construído.
- Adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación.

Os concellos interesados en solicitar financiamento do Fondo de cooperación deberán solicitar do IGVS a sinatura dun acordo de adhesión a dito Fondo no que constarán as actuacións a realizar polo concello, a contía a dispoñer, o prazo e condicións de reintegro e demais condicións para o acceso ao fondo.

Ningún concello poderá realizar unha solicitude de disposición nin acumular a través de diferentes acordos de adhesión máis do 25 % do total do importe co que esta dotado o fondo. Ademais, o concello solicitante deberá atoparse ao corrente das súas obrigas coa Comunidade Autónoma de Galicia e comprometerse a incluír nos orzamentos dos exercicios seguintes, con cargo aos ingresos correntes, as anualidades previstas no acordo para a reposición dos fondos.

O Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes está dotado cun importe de 10 millóns de euros procedentes das fianzas de alugueiro depositadas no IGVS, cuxa devolución aos depositarios está plenamente garantida. As cantidades devoltas polos concellos pasarán a integrarse novamente no Fondo para que podan ser reutilizadas en novos préstamos.

Nas convocatorias de 2017 e 2018 concedéronse préstamos por importe de 3,78 millóns de euros aos concellos de Parada de Sil, O Barco de Valdeorras, Rubiá, Xunqueira de Ambía, Ponteareas, Ribeira e Boiro para a rehabilitación e adquisición de diversas construcións.
R.