Skip to main content

O 'Atardecer no Gaiás' desta semana arranca con Labaq, que trae a electrónica máis anovadora da música brasileira

Esta integrante da nova xeración de artistas do Brasil con só 12 anos xa tocaba a guitarra acústica e eléctrica, a trompeta e, máis tarde, a percusión.

Esta faciana musical complétase coa súa condición de empresaria e co-creadora dun festival de música, o Sonora, con edicións en 65 cidades de quince países e dedicado ás mulleres artistas. Precisamente, Atardecer no Gaiás volve a significarse nesta edición de 2019 pola súa aposta por voces femininas, como a da mesma Labaq.
O ciclo, que conta tamén coa colaboración do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM), continúa o venres, día 12, coa ampla formación galega Europejska Orkiestra ateigando a Praza Central dos vellos sons dos países dos Balcáns.

Esta formación de violín, clarinete, guitarras, saxo tenor, contrabaixo e percusión proporá unha viaxe a través de 10 composicións, que supoñen un percorrido musical por Bulgaria, Romanía, Eslovaquia, Moldavia, Ucraína, Polonia, Alemaña, Francia, España e Galicia, tendo sempre como punto de partida as raíces folclóricas de cada un destes territorios.

Reggae para musicar o solpor

Para o peche de Atardecer no Gaiás desta semana contarase con outro artista galego, Soulmacklein, cantante da exitosa banda de hip hop Delahoja. Neste caso, a proposta do solpor musicado do sábado, día 13, dá un xiro de 180 graos cun repertorio de reggae con letras veraniegas que convidan á praia e ao baile ao aire libre.

Estes tres concertos forman parte das 20 actuacións que compoñen o ciclo Atardecer no Gaiás, que se celebrará na Praza Central da Cidade da Cultura ata o 17 de agosto, nunha edición que lles dá visibilidade aos ritmos que triunfan na actualidade entre a xente máis nova, como é o caso da electrónica e do reggae deste xoves e sábado.
R.