Skip to main content

O seminario 'A paisaxe da mar' enxalza o valor paisaxístico das rías e da costa e aposta pola súa conservación

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe en valor a importancia da paisaxe como “recurso patrimonial que participa do interese xeral nos aspectos ecolóxicos, culturais, económicos e sociais”. Nesta liña enxalzou o “gran valor natural” das rías e da costa galega “que conforman áreas dunha ecoloxía única, cun ecosistema dunha alta biodiversidade, o que as converte en espazos moi produtivos para o sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola”.

Así o sinalou durante a inauguración do seminario A paisaxe da mar, organizado en Guitiriz pola Universidade de Santiago de Compostela, na que tamén participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. A titular de Mar tamén fixo fincapé na obriga de manter as rías e a costa galega “como espazos vivos e integrados, preservando os seus valores paisaxísticos, rexenerando os espazos públicos, rehabilitando edificios con interese arquitectónico e reconectando os portos coas vilas como verdadeiros catalizadores da transformación, e motores do desenvolvemento sustentable”.

Neste eido Rosa Quintana salientou o labor que realiza a Fundación RIA en diversas zonas da nosa costa, especialmente na ría de Arousa. Este traballo, recoñeceu a conselleira, parte do arquitecto inglés, afincado en Ribeira, David Chipperfield e ten por obxectivo primar o desenvolvemento e a protección das economías locais xunto á conservación e potenciación dos valores arquitectónicos, urbanos, naturais e culturais das rías atlánticas de Galicia. Deste xeito busca procurar a conciliación entre as partes implicadas e potenciar os esforzos de persoas e institucións públicas ou privadas para acadar unha visión integral do territorio.

A titular de Mar tamén destacou o traballo da Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, co obxectivo de reforzar a conservación e mellorar a paisaxe galega co proxecto de regulamento da Lei da Paisaxe de Galicia. Este documento, especificou, “pretende poñer en marcha unha nova ferramenta para conservar, protexer e poñer en valor o patrimonio paisaxístico de Galicia”. Ademais sinalou que esta semana se publicou no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se somete a información pública este proxecto de regulamento. Ademais de aplicarse ao territorio de Galicia, esta futura normativa tamén se aplicará á zona marítimo-terrestre e ás augas interiores.

Nesta liña, Rosa Quintana puxo de relevo a importancia de facer compatible “o progreso, a actividade e o desenvolvemento socioeconómico coa protección ambiental e paisaxística” e cursos como o que hoxe se inaugura, especificou, axudan a acadar ese obxectivo. Neste sentido agradeceu o labor dos organizadores desta iniciativa.

Accións no eido do turismo

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia participou na inauguración e impartiu a conferencia inaugural Turismo e paisaxe marítima, onde enxalzou o traballo da Consellería de Cultura e Turismo para ofrecer actividades turísticas sustentables asociadas ao mar. “Mar e paisaxe son dous ingredientes claves na política turística da Xunta, que ten moi en conta que os viaxeiros que escollen a comunidade o fan, primeiro, pola súa natureza”, explicou.

Lonxe de focalizar o turismo de litoral no sol e praia, indicou, o Goberno galego traballa en diversificar a oferta aproveitando todos estes recursos dun xeito sustentable. Percorridos polos diferentes faros que se teñen convertido en atractivos turísticos incluíndo a iniciativa da Xunta para impulsar unha rede de sendeiros con itinerarios de interese paisaxístico para o descubrimento do litoral coa Senda dos Faros, visitas a lonxas onde ver e experimentar a compra venda de pescados e mariscos frescos, turismo náutico ou propostas de minicruceiros polas rías galegas son algunhas das liñas de traballo que expuxo.

Tamén se referiu a Galicia Surfing, con viaxes asociadas a este deporte para coñecer as mellores praias e pobos do redor para practicar esta disciplina ou mesmo o turismo de mergullo co deseño -xunto a outros destinos europeos- da primeira ruta atlántica WAOH! Route na que xa amosaron interese varias empresas galegas. "En Galicia estamos convencidos de que o turismo vencellado ao mar pode contribuír aos fins do desenvolvemento sustentable ao tempo que ofrece numerosas oportunidades para o sector e para as comunidades locais que debemos saber aproveitar", concluíu Nava Castro.

‘A paisaxe da mar’

O seminario A paisaxe da mar celébrase en Guitiriz entre hoxe e o venres e está organizado pola Universidade de Santiago de Compostela. Ten como obxectivo remarcar o protagonismo da costa en Galicia coas súas diferentes configuracións morfolóxicas e ecolóxicas traducidas en cabos, rías, acantilados, praias, lagos, marismas e illas, ademais das propias profundidades mariñas, sen esquecer a extraordinaria riqueza dos océanos no ámbito biolóxico, económico e paisaxístico.
R.