Skip to main content

Presentada a 12ª edición do Culturgal baixo o lema 'Dálle unha volta á feira'

Consellería de Cultura e Turismo renova o seu apoio económico á Asociación Culturgal para a organización da 12ª edición da feira homónima, que terá lugar do 29 de novembro ao 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. As novidades que ofrecerá este ano o evento foron detalladas hoxe no transcurso dun acto no que tamén se anunciou a apertura das convocatorias para a reserva de expositores e para a proposta de actividades cara ao deseño da programación artística e profesional.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou nesta presentación xunto Víctor López, presidente da Asociación Culturgal, Xosé Aldea, director do evento, e os representantes das institucións implicadas.

Unha achega de 65.000 euros

Alí explicou que a Xunta achega 65.000 euros a esta nova entrega do evento, do que vén sendo a principal entidade patrocinadora nos últimos anos, ademais de facer fincapé no acaído do lema deste ano, Dálle unha volta á Feira, co que a organización “reflicte o seu empeño en se renovar e en mirar sempre cara adiante para que Culturgal continúe sorprendendo o público e, sobre todo, resultándolle útil ao sector”.

Para o responsable da Agadic, esta feira exemplifica a efectividade das sinerxías de colaboración entre as administracións públicas e o sector privado. Ao tempo, subliñou que, ademais do apoio económico, o Goberno galego tamén participa en Culturgal en calidade de promotor cultural: “A Consellería conta sempre cun espazo propio no recinto do Pazo da Cultura, desde o que difunde numerosas iniciativas xestionadas polos seus diferentes departamentos, ademais de promover directamente na última edición unha vintena de actividades lúdicas, formativas, profesionais e de difusión”, sinalou.

Entre as novidades de Culturgal 2019 destaca a redistribución espacial do recinto feiral e unha mellor adecuación dos escenarios aos contidos da Feira baixo os nomes Familiar (cos eixos Falar, Moverse e Descubrir), Foro e Carpa, ademais do espazo dedicado á Arte Contemporánea e a incorporación dun específico para a cultura interactiva (videoxogos, apps, etc.)

A feira está promovida pola Asociación Culturgal, que engloba á súa vez as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).
R.