Skip to main content

Alberto Vázquez e Martín Romero gañan os Premios Castelao de Banda Deseñada

O premio na categoría xeral recaeu en Alberto Vázquez (A Coruña, 1980), un dos máis recoñecidos autores do panorama galego, gañador, entre outros recoñecementos, de tres Premios Goya, por "Birdboy", "Psiconautas" e "Decorado".

O xurado destacou a calidade da súa obra "A Caza" que, segundo destacou, goza dun "grafismo moi sólido realizado co técnica do sumi-e con tinta chinesa". "Crea un mundo propio e persoal a través dun debuxo expresivo que xera unha unidade narrativa con imaxes que se manteñen na retina do lector".

Alberto Vázquez é director de animación, ilustrador e debuxante de cómics con libros editados en España, Francia, Italia, Brasil e Korea e ilustracións publicadas en medios de todo o mundo. Escribiu e dirixiu curtas como "Birdboy", "Sangre de Unicornio" ou "decorado", baseados nos seus cómics. Ademais dos tres premios Goyas, Alberto Vázquez obtivo máis de 100 premios internacionais, entre eles, o do Festival de Annecy, Chicago, Premios platino, Foyle (preseleccionado para os Óscar), Expotoon ou Meliés de prata. As súas obras foron exhibidas en prestixiosos festivais de todo o mundo como Cannes, EFA Award, Toronto, Annecy, Clermord-Ferrand, Animafest Zagreb ou Slamdance. Vén de rematar a súa primeira longametraxe de animación "Psiconautas, os nenos esquecidos", do que é director, guionista, director de arte e baseado na súa novela gráfica do mesmo nome.

Primeira vez do infantil e xuvenil

A edición deste ano do Premio Castelao de Banda Deseñada ten unha importante novidade xa que, por vez primeira se concede a modalidade para público infantil e xuvenil, creada hai tres edicións pero deserto nas anteriores convocatorias. Desta volta, o xurado decidiu outorgar o premio á obra "Uxío" de Martín Romero (Boiro, 1981) da que destaca as "posibilidades narrativas do medio, dun xeito diverso e interesante". Tamén fai referencia ao "uso humorístico, divertido, adaptado á idade, cunha filosofía sobre a vida e a cotidaniedade dun xeito lixeiro e poético". Ademais, sinalan que a obra ten un transfundo reflexivo moi interesante para o público infantil e xuvenil" .

Martín Romero é ilustrador, autor de cómics e director de animación, disciplinas que combina para desenvolver os máis diversos proxectos.

Como ilustrador realiza traballos que van desde o ámbito publicitario até o editorial. Os seus cómics "Las fabulosas crónicas del ratón taciturno" (2011), Episodios Lunares (2015) e "La deuda" (2017). Martín Romero acaba de dirixir a súa primeira curtametraxe de animación titulada "La noche".

O deputado da área de Cultura, Xurxo Couto, destacou a altísima calidade das obras presentadas e, en concreto das gañadoras, con autores "de xa moito recoñecemento nun sector que ten na nosa cultura un amplo xa conxunto de nomes de moitíisma relevancia nos que se atopan Aberte Vázquez e Martín Romero".
R.