Skip to main content

A Xunta e a Fundación EOI apoiarán a transformación dixital da actividade das pemes galegas

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e a Fundación Escuela de Organización Industrial (EOI), dependente do Ministerio de Industria, Comercio y Turismo, apoiarán a transformación dixital da actividade de 30 pemes galegas a través do programa Activa Industria 4.0, enmarcado no proxecto Industria Conectada 4.0.

A convocatoria, cofinanciada polo Igape e a Fundación EOI cun total de 208.050 euros, será de concorrencia competitiva e o prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o vindeiro 16 de setembro.

As empresas que resulten beneficiarias desta liña de axudas recibirán asesoramento especializado e individualizado que incluirá un diagnóstico da situación de partida da compañía e a elaboración dun plan de transformación dixital, así como visitas ás instalacións beneficiarias e a participación en obradoiros temáticos e demostrativos.

Trátase da segunda edición de Activa Industria 4.0 que, na pasada convocatoria, apoiou a un total de 12 empresas galegas. Esta liña complementa as accións do programa HADA, unha ferramenta de análise e diagnose para coñecer o grao de madurez dixital das empresas, que serve para orientar as actuacións futuras.

Estas accións enmárcanse na aposta que a Xunta está realizando pola dixitalización empresarial a través do desenvolvemento da Axenda Industria 4.0, á que destinará 350 millóns de euros ata 2022 co obxectivo de anticiparse aos cambios do novo modelo, aumentar o tamaño das empresas, favorecer a aposta polo talento dixital e contribuír á reinvención do tecido industrial galego e á súa especialización desde o punto de vista tecnolóxico. Deste xeito, seguirase afondando no impulso á xeración dun novo tecido empresarial competitivo na economía global e conectada, facilitando ademais a creación de 13.500 empregos industriais e a mobilización de 900 millóns de euros nos próximos catro anos.
R.