Skip to main content

Preto de 114.000 galegas e galegos teñen a tarxeta de doador de órganos

Nel declárase a vontade de que se proceda á doazón de órganos e tecidos trala morte. Este documento non é imprescindible en España para ser doador, pero as persoas que o levan o fan como un compromiso adicional á decidida vontade de doazón.

A Administración sanitaria galega sinala que, o máis importante, é que a familia coñeza o desexo da persoa de ser doador, posto que os médicos lles consultan e poderán refrendar esa vontade de doazón expresada formalmente tempo atrás.

A tarxeta de doador pódese conseguir en diferentes sitios. É gratuíta e tela non implica un compromiso definitivo, posto que pode anularse sempre que o titular o desexe. Pode solicitarse nas institucións públicas como pode ser a Consellería de Sanidade, as coordinacións hospitalarias de transplante, ou os centros de saúde e, tamén, en entidades sociais como as asociacións de enfermos e transplantados.

Logo de cubrir cos datos persoais o folleto da doazón de órganos e tecidos, enviarase por correo sen necesidade de selo. Tamén se pode facer por teléfono ou a través da páxina web do Sergas (www.sergas.es). Para calquera dúbida, as persoas interesadas pódense poñer en contacto coa Coordinación Autonómica de Transplantes dependente da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, no teléfono 881 54 28 63.

Crecente evolución

O pasado mes de marzo levouse a cabo na nosa comunidade o transplante de órganos número 8.000, cifra acumulada desde o ano 1981, data da primeira intervención cirúrxica de transplante nos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde.

No caso de Galicia, a cifra de intervencións cirúrxicas de transplante ten experimentado unha crecente evolución no transcurso dos últimos anos e que se reflicte nos 8.000 transplantes que supuxeron unha segunda oportunidade de vida para outros tantos doentes.

No 2018, Galicia bateu o seu récord de transplantes, con 354 intervencións, rexistrando unha media dun transplante diario. Así mesmo, esta intensa actividade puido materializarse grazas á solidariedade dos 116 doantes de órganos e as súas familias, a cifra máis elevada desde a posta en funcionamento do programa de transplantes en Galicia.

O Servizo Galego de Saúde e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) reiteran o seu recoñecemento público aos doantes e ás súas familias, pola valentía, a fortaleza e a xenerosidade que amosan neses momentos difíciles, agradecemento que fan extensivo ao conxunto da sociedade e aos profesionais dos hospitais galegos, que posibilitan que as cifras de transplante se manteñan en Galicia.
R.