Skip to main content

O PIB de Galicia medrou un 2% en taxa interanual no segundo trimestre do ano e creou 12.400 empregos a tempo completo

O crecemento da economía galega entre abril e xuño sustentouse no forte aumento do gasto en consumo final, que rexistrou un crecemento interanual do 3,3%. Este é o maior incremento deste indicador desde 2007, e débese ao incremento do gasto en consumo final tanto dos fogares (3,5%) coma das administracións públicas (2,8%). Ademais, a formación bruta de capital –que recolle os investimentos do sector empresarial– creceu un 4,1%.

Ademais, todos os sectores que conforman o PIB –salvo a industria– rexistraron un comportamento positivo. O maior crecemento rexistrouse no sector da construción (5,5%) e no sector servizos (2,8%), con incrementos superiores á media, mentres que o sector primario avanzou un 0,2% e a industria descendeu un 2,1%.

Os datos do IGE indican tamén que o comportamento positivo da demanda interna –medrou un 3,3% en taxa interanual- compensou a evolución negativa da demanda externa. Así, nun panorama de incertezas nos mercados internacionais, as exportacións de bens e servizos descenderon un 8,6%, o que explica o menor crecemento respecto a trimestres anteriores.

En todo caso, a economía galega continuou creando emprego no segundo trimestre do ano. A evolución do emprego asalariado foi positiva en todos os sectores, cun crecemento do 1,4% e a creación de case 12.400 postos de traballo asalariados a tempo completo.

CCOO lamenta que a economía galega se está ralentizando e, con ela, o emprego

A contabilidade trimestral que acaba de publicar o Instituto Galego de Estatística (IGE) revela que a economía galega se está a ralentizar e, con ela, o emprego. O produto interior bruto a prezos de mercado (PIB nominal) aumentou só un 0,3 % respecto do anterior trimestre, e segue unha tendencia decrecente desde comezos do 2018, cando aumentou un 0,7. Para CCOO, é especialmente preocupante o dato referente ás exportacións, que diminuíron o 1,6 % no último trimestre e, peor aínda, o 8,6 % con relación a hai un ano.

Esta estatística tamén revela que Galicia segue moi lonxe do obxectivo marcado pola Comisión Europea para que a industria represente no ano 2020 o 20 % do PIB. No caso galego, a contabilidade trimestral indica que o peso dos sectores industriais no produto interior bruto é só do 16,5 %.

En opinión de Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO, estes datos deben ser unha «chamada de atención» ao Goberno galego, xa que ten competencias e recursos para reverter a situación. Galicia precisa unha diversificación do seu tecido produtivo, fundamentalmente baseado nos servizos (62,8 ) e na construción (6,8 %).

Segundo a secretaria de Emprego de CCOO, cómpre unha «decidida aposta pola industria» e a Xunta de Galicia «ten moita marxe de actuación neste senso». Por esta razón, Bouza insta o presidente galego a «deixarse de lamentos e de procurar escusas, porque está na súa man reverter a situación».

R.