Skip to main content

Arranca o proceso de acreditación dos campus universitarios baseado na especialización e no fomento da investigación

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de abrir o procedemento de acreditación dos Campus de Especialización do Sistema Universitario Galego (SUG), o primeiro proceso deste tipo que arranca no conxunto do Estado co fin de impulsar unha organización territorial tendente a unha maior especialización, o impulso do labor de investigación e a mellora da calidade da docencia.

Esta acreditación impulsada polo departamento que dirixe Carmen Pomar suporá un recoñecemento ao proceso de transformación levado a cabo desde as universidades par acadar os obxectivos de maior especialización, compactidade e calidade da docencia e da investigación. Tal e como pode consultarse no Diario Oficial de Galicia, trátase dun proceso aberto no tempo ao que cada universidade se pode presentar cando considere oportuno e que culminará coa sinatura dun convenio economicamente dotado en función da proposta que faga a propia universidade así como do informe dos expertos que participan no proceso.

O “Programa de Especialización dos Campus do SUG” foi lanzado no ano 2013 co obxectivo de promover a especialización e diferenciación dos campus a través da colaboración estratéxica e do aproveitamento das potencialidades económicas das contornas máis próximas.

Este Programa -que supuxo un investimento total de máis de 16,2 millóns de euros entre os anos 2013 e 2018- permitiu o desenvolvemento de 8 proxectos con distintos graos de evolución que foron os Campus Industrial (Ferrol), Campus Innova e Campus da Sustentabilidade (A Coruña), todos eles da Universidade da Coruña (UDC); o Campus Terra (Lugo) e o da Cidadanía (Santiago), da Universidade de Santiago de Compostela (USC); e o Vigo Tecnolóxico (Vigo), o Campus Auga (Ourense) e o Campus Crea (Pontevedra), todos eles na Universidade de Vigo (UVigo).

Procedemento

Unha vez superada a fase inicial de deseño e posta en marcha dos mencionados campus de especialización, a Consellería dá un paso nesta transformación habilitando un proceso de acreditación no que deberán participar todos os campus, a través do cal se comprobará se a estratexia se adecúa ao logro dos obxectivos fixados e se deseñarán as futuras actuacións que permitan afondar no proceso de especialización no período 2019-22.

Un Comité de Avaliación constituído por expertos externos ao Sistema Universitario Galego será o encargado de analizar a documentación remitida polas universidades, manter reunións directas cos responsables dos Campus e elaborar os informes de avaliación correspondentes.

En base a ditos informes a Consellería de Educación -a través da Secretaría Xeral de Universidades- resolverá a concesión da acreditación coa cualificación obtida que poderá ser ben para o período 2019-2022, ben para o período 2019-2021 suxeito a obriga de presentar un informe de progreso intermedio sobre o avance do plan operativo; ou ben que non supera o proceso de acreditación.

Este procedemento de acreditación implica que cada Universidade achegue documentación específica sobre cada Campus de Excelencia onde se identifique, entre outros, liñas de especialización no ámbito da docencia (relación de títulos de grao, mestrado e doutoramento vencellados directamente a esa especialización), de investigación (relación das estruturas de investigación como grupos, institutos, centros de investigación e outras estruturas supragrupais), ou alianzas estratéxicas con empresas e institucións.

Así mesmo deberán presentar un informe de autoavaliación (que inclúa indicadores sobre organización e gobernanza, estratexia, docencia, investigación, interacción co tecido produtivo e información pública e transparencia), un plan operativo e un plan de viabilidade económica para o período 2019-2022.
R.