Skip to main content

A Ribeira Sacra formalizará este ano a súa candidatura como reserva da biosfera

A candidatura da Xunta para que a Ribeira Sacra se converta na sétima reserva da biosfera de Galicia continúa avanzando con paso firme. Hoxe mesmo e aproveitado a súa asistencia en Madrid á vixésima reunión do Comité español do Programa MAB (Home e Biosfera) da Unesco, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, comunicoulle aos membros deste órgano de carácter consultivo que antes de que remate o ano a Xunta presentará oficialmente a candidatura.

A formalización da proposta da reserva da biosfera Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel producirase unha vez se conclúan os informes derivados do proceso de información pública, que se abriu o pasado 9 de agosto e xa está pechado. En todo caso, este trámite avanza a bo ritmo polo que do Campo asegurou que “este mesmo ano” a Xunta presentará a candidatura ante a Secretaría do Comité español do Programa MAB, co obxectivo de obter a súa declaración definitiva no ano 2021.

Para a Xunta, tal e como subliñou a directora xeral, trátase dunha proposta sólida, avalada por un gran consenso por parte dos distintos axentes implicados e que aglutina a un total de 23 concellos de Lugo e de Ourense cun alto valor paisaxístico e cultural en común, unidos pola súa aposta por un desenvolvemento sustentable baseado nas prácticas tradicionais.

Cómpre lembrar que o pasado mes de agosto a Xunta fixo en Pantón a presentación oficial da candidatura coa que o espazo conformado pola Ribeira Sacra e as serras do Oribio e Courel aspiran a conseguir este recoñecemento de carácter internacional, xestionado e concedido pola Unesco. O documento que avala a candidatura foi sometido a información pública durante un mes, período no cal as persoas e entidades interesadas puideron facer as súas achegas ao texto orixinal. En total recibíronse dúas alegacións, que están a ser analizadas pola Consellería co fin de valorar posibles melloras ou modificacións.

En todo caso, cómpre lembrar que o documento foi froito de máis de dous anos de traballo durante os que a Xunta mantivo un diálogo constante con todos os axentes implicados e con intereses na declaración, entre eles, concellos, grupos de desenvolvemento rural, universidades, sector turístico e outros colectivos, que tiveron ocasión desde o principio de participar activamente e facer as súas contribucións á proposta.

Seis reservas da biosfera en Galicia

Galicia conta nestes momentos con seis reservas da biosfera -un dos recoñecementos de carácter internacional máis importantes en relación coa conservación e o uso sustentable do patrimonio- que representan arredor do 25% do territorio da comunidade.

Coa incorporación da reserva da biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, a extensión protexida en Galicia baixo esta figura se incrementaría ata chegar ao 34% do territorio, de aí a importancia da candidatura para a preservación e o recoñecemento internacional do patrimonio natural da comunidade.

Concretamente, cómpre precisar que a zona proposta para a declaración aglutina en total a 18 concellos de Lugo (Bóveda, Carballedo, Chantada, Folgoso do Courel, O Incio, Monforte de Lemos, Pantón, Paradela, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada e Triacastela) e cinco da provincia de Ourense (Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Peroxa e A Teixeira). Trátase dun territorio de excepcional valor en canto aos seus compoñentes ambientais, paisaxísticos e culturais, como demostra a súa recente declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) por parte do Consello da Xunta.

Neste sentido, se a candidatura da Ribeira Sacra prospera e supera todos os requisitos e condicionantes establecidos polos responsables da Unesco para a súa declaración, este territorio a cabalo entre as provincias de Lugo e Ourense estaría en disposición de obter un triplo recoñecemento por parte do organismo internacional.

Así, cómpre lembrar que o pasado abril as Montañas do Courel obtiveron a declaración de Xeoparque, converténdose así no primeiro espazo natural con esta denominación en Galicia; e ademais, a Consellería de Cultura traballa xa nunha iniciativa para promover o recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial.
R.