Skip to main content

A Comisión Europea confirma que Galicia poderá optar aos fondos para unha transición enerxética xusta a partir de 2021

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe que a Comisión Europea ten trasladado á Xunta que Galicia poderá optar aos fondos de transición xusta que se establecerán por parte da Comisión a partir do ano 2021. Conde, que se reuniu, entre outros, coa directora de Mercados Europeos e Internacionais do Carbono, que forma parte da Dirección xeral de Acción polo Clima, Beatriz Yordi, e con Carlos Esteva Mosso, director xeral adxunto de Axudas de Estado da Dirección xeral da Competencia, apuntou que a Comisión Europea comparte a visión da Xunta dunha transición enerxética xusta e que quedou constatado que Galicia vai na boa dirección.

O conselleiro demandou tempo para buscar alternativas, reclamándolle tanto ao Ministerio para a Transición Ecolóxica como a Endesa que establezan as medidas para a reactivación inmediata da planta. O conselleiro avogou por impulsar un traballo colectivo e un esforzo conxunto para lograr esa transición xusta desde o punto de vista social, de sustentabilidade e de inclusión. En definitiva, reclamou “que non haxa un peche abrupto das centrais e que haxa un traballo compartido por todos os axentes”, entre os que citou a Administración, as empresas, os actores sociais, as universidades e os centros tecnolóxicos.

Conde instou a que a mesa técnica sobre a central das Pontes proposta pola Xunta e o Concello pontés se constitúa canto antes e que desde o primeiro momento traballe non só na reactivación da planta, senón tamén na identificación de alternativas e proxectos para cumprir “cun mandato claro da Comisión Europea, que a transición xusta ten que ser unha oportunidade para xerar novos proxectos, emprego e unha oportunidade para as comarcas que están vinculadas a este tipo de centrais”.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria pediu ao Goberno central que reaccione e que abandone a “política enerxética errática” que, segundo sinalou, non só está afectando a Meirama e a As Pontes, senón tamén ás empresas electrointensivas, como Alcoa. Lembrou así mesmo que Galicia conta cunha planificación industrial orientada á nova economía e vinculada á Industria 4.0, a dixitalización, a innovación, e o desenvolvemento de novos proxectos.

Semana Europea das Rexións e das Cidades

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria visita Bruxelas coincidindo coa Semana Europea das Rexións e das Cidades. Ademais de manter reunións con representantes de distintas direccións xerais, participa no I Cumio sobre o futuro da mobilidade autónoma.

Esta mañá Galicia tamén estivo representada no pleno do Comité Europeo das Rexións (CdR), no que o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, tamén apoiou unha transformación socioeconómica xusta e progresiva para as rexións carboníferas de Europa, incluídas aquelas que xeran electricidade a partir do carbón.

Esta visión é compartida polo Comité Europeo das Rexións, ao expresar nun dos seus ditames como obxectivo de futuro que o cambio estrutural nas rexións carboníferas afectadas teña éxito económicamente, sexa ecolóxicamente sostible e, sobre todo, conte con aceptación social no camiño cara unha economía más diversificada e hipocarbónica.

Emenda ás negociacións do marco financeiro plurinanual

Así mesmo, o director xeral de Relacións Exteriores presentou unha emenda, a cal foi finalmente aprobada, no seo da resolución do Comité relativa ás negociacións interinstitucionais do marco financeiro plurianual para o período 2021-2027. A reclamación do goberno galego solicita que as rexións que descendan de categoría no novo orzamento a longo prazo da UE, como é o caso de Galicia, non vexan reducida a súa asignación de fondos comunitarios no vindeiro marco financeiro 2021-2027.

Esta decisión do Comité Europeo das Rexións entronca coa postura defendida onte en Bruxelas polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante o encontro que mantivo co director xeral de Política Rexional da Comisión Europea, Marc Lemaître, e que volveu defender no seminario sobre a futura política europea de cohesión organizado pola Fundación Galicia Europa no marco da Semana Europea das Rexións e das Cidades.

Outros ditames do CdR importantes para os intereses de Galicia refírense ás transicións dixital e ecolóxica en Europa, a un novo marco político para as pemes europeas e ao envellecemento activo e saudable. Nesta materia, Galicia e o servizo sanitario do Sergas, acaban de recibir a máxima cualificación da Comisión Europea como rexión de referencia na abordaxe integral do envellecemento.
R.