Skip to main content

Boeing elixe Galicia para poñer en marcha as Aulas Newton, un proxecto educativo pioneiro vinculado ao sector aeroespacial

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu hoxe en Lugo á presentación do proxecto Aula Newton, unha iniciativa educativa elaborada por Boeing coa axuda de First Scandinavia –coa representación neste acto de presentación do director xeral europeo de Investigación e Tecnoloxía de Boeing, José Enrique Román - e na que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e do concello de Lugo.

Este proxecto pioneiro busca fomentar o coñecemento científico-tecnolóxico entre os máis novos, centrando o seu programa na mellora das habilidades en materias STEM e apostando polo desenvolvemento académico e pola especialización técnica, con especial atención ao ámbito aeroespacial.

A aula, situada na Praza da Horta do Seminario, poderá visitarse a partir do vindeiro 21 de outubro e ata o 10 de novembro, e complementará así a formación de máis de 550 alumnos de Educación Secundaria da comarca. O programa contará con 26 sesións en total, das que xa hai 22 cubertas, con 12 centros educativos xa rexistrados. De feito estudantes e docentes teñen a oportunidade de coñecer a Aula Newton de luns a venres, mentres que estará aberta ao público en xeral os sábados, domingos e festivos. “Os alumnos poderán recibir unha forma completamente diferente de aprendizaxe”, apuntou Conde.

As aulas Newton, concibidas por Boeing e First Scandinavia, están inspiradas polo concepto innovador da aula descentralizada, composta por un espazo móbil e dotado de simuladores de voo e depósitos expansibles. Estas aulas visitarán agora outros 9 países europeos, sendo a primeira aula móbil que se pon en marcha.

Conde aplaudiu esta fórmula didáctica innovadora, que mellorará as habilidades lectivas dos asistentes, ofrecendo unha formación máis especializada que permita a diversificación, e preparando con garantías de éxito o futura acceso dos alumnos e alumnas ao mercado laboral unha vez rematen os seus estudos Ademais, celebrou o éxito dunha iniciativa que nace do traballo conxunto da iniciativa pública e privada.

Traballo de Boeing en Galicia

O titular de Economía, Emprego e Industria congratulouse, así mesmo, de afianzar os lazos que vinculan a Galicia con Boeing, nun traballo que ten como obxectivo converter á nosa comunidade en referente aeroespacial. “Boeing é hoxe un pouco máis galega”, sinalou Conde.

As aulas Newton prolongan o traballo da empresa estadounidense no solo galego, ao que hai que sumar o seu labor no Polo Aerospacial de Galicia, onde coa súa participación estanse a mobilizar 11 millóns de investimento e onde se xeran 58 postos de traballo. Neste senso, tamén está colaborando coa universidade de Vigo, desenvolvendo un laboratorio centrado nas actividades aeroespaciais no campus de Ourense.
R.