Skip to main content

A Xunta aproba os Orzamentos para 2020, que inician a súa tramitación parlamentaria

Estes orzamentos pretenden consolidar o crecemento ante os sinais de desaceleración da economía española e trasladar os efectos da recuperación a todos os fogares galegos. Ademais, servirán para afrontar con éxito a preparación do Xacobeo 2021 e manterán como prioridade a creación de emprego e a innovación. Ademais, entre os principais obxectivos da Xunta para 2020, figura que Galicia continúe sendo unha Comunidade fiable, estable e solvente, que cumpra os seus obxectivos, pague as facturas e non deixe hipotecas ás vindeiras xeracións.

Para dar resposta aos retos do inicio desta nova década, explicou, a Comunidade disporá de 10.149 millóns de euros, 300 M€ máis que este ano –un incremento do 3%-, 1.400 M€ máis con respecto ao inicio da lexislatura, superando por primeira vez a barreira dos 10.000 M€ e sendo o quinto ano consecutivo que o Goberno galego aproba uns orzamentos que crecen.

Nese marco de estabilidade e prudencia, Feijóo salientou que o control da débeda segue sendo unha prioridade para o Goberno galego que, lembrou, evitou a emisión de case 4.000 M€ de débeda, o que converte a Galicia na Comunidade que menos incrementou o seu endebedamento na última década. En consecuencia, a partida que máis baixa nos Orzamentos de 2020 é a de gasto de xuros de débeda. “Baixa 22 millóns de euros, un 13%”, salientou.

Menos impostos

O presidente da Xunta incidiu en que o proxecto orzamentario mantén todas as rebaixas fiscais actualmente en vigor e inclúe catro novas baixadas de impostos.

No caso do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais, baixa para aqueles galegos que adquiran unha vivenda usada no rural. Se esa vivenda ten como destino ser residencia habitual, o ITP baixa do 7% ao 5%. Se non vai ser vivenda habitual, redúcese do 10% ao 6%. “O rural galego pasará a ter a menor tributación da España peninsular na compra dunha vivenda para uso habitual”, dixo.

Tamén se reduce o Imposto sobre Sucesións para as herdanzas entre familiares directos, de xeito que calquera herdanza de ata 1 millón de euros por herdeiro quedará libre de tributación. Con esta medida, o 99,9% dos galegos non pagarán este imposto cando reciban unha herdanza dun descendente, ascendente ou cónxuxe.

Ademais, amplíanse as empresas familiares que se beneficiarán da exención que xa está en vigor para os familiares ata terceiro grado. Para estas persoas os requisitos de propiedade exixirán que, como mínimo, o 50% da propiedade pertenza á persoa herdeira, ao seu cónxuxe ou a un familiar ata sexto grado (este último punto estaba fixado ata o de agora no cuarto grado).

Tamén se aproba unha “dedución verde” para o IRPF, isto é, unha bonificación de ata 1.500 euros para todos os galegos que decidan mellorar a eficiencia enerxética da súa vivenda. Neste imposto tamén se aproba unha dedución específica para deportistas de alto nivel que reciban bolsas e facilítase o acceso a deducións xa existentes para cooperativas e sociedades laborais.

Prioridades de gasto

No tocante ás prioridades de gasto, o presidente da Xunta insistiu en que este é “o presuposto con máis gasto social dos 40 presupostos de Galicia nos 40 últimos anos”, cun total de 7.400 millóns de euros. Deste xeito, en 2020 reforzarase o gasto social cun incremento de 275 M€, concentrando de novo a maior parte do financiamento.

Ese reforzo orzamentario supón máis recursos para a sanidade pública, máis de 4.100 M€, a maior cifra da historia, o que significa que case a metade do aumento do gasto social se destina a mellorar a atención sanitaria (122 M€). Tamén haberá máis recursos para o ensino (2.465 M€) para que Galicia siga tendo a mellor ratio alumno/profesor de España e máis recursos para as nosas políticas sociais e de benestar (830 M€).

Ao longo da súa intervención, Feijóo fixo especial fincapé no aumento de fondos para a dependencia, que medra un 6% e chega a 362 millóns de euros e nas medidas de política demográfica como a gratuidade da escola infantil a partir do segundo fillo ou a ampliación da cobertura da Tarxeta Benvida.

Tamén serán prioritarias as políticas de emprego co obxectivo de baixar a taxa de desemprego ata o 10% e as políticas de innovación que soben un 60% o seu financiamento. Ademais, a preparación do Xacobeo 2021 contará cun orzamento de 82 millóns de euros.

Investimento público e empregados públicos

Acto seguido, Feijóo destacou outras dúas partidas moi relevantes. Os investimentos públicos volven medrar e chegan aos 1.691 M€, convertendo a Galicia na Comunidade con máis investimento per cápita. E no que respecta aos empregados públicos, incluiranse subas salariais de ata un 2,2%. En todo caso, este aumento non se percibirá ata que a Administración galega conte coa habilitación legal do Estado.

Neste sentido, o presidente da Xunta puxo en valor que “ante as incertezas e as inseguridades, Galicia segue apostando pola certidume e a estabilidade” e lamentou que o Goberno central manteña bloqueado o Consello de Política Fiscal e Financeira desde hai 15 meses. Tamén volveu reclamar o pago dos 700 millóns de euros que o Goberno adebeda a Galicia.
R.