Skip to main content

Galicia continúa reducindo o paro ata situarse a niveis inferiores aos de hai 11 anos e mantense por riba do millón de afiliados á Seguridade Social

Galicia segue reducindo o paro a nivel anual confirmando a tendencia de baixada do desemprego e de creación de postos de traballo con respecto a outubro de 2018. De feito, posiciónase como a sexta Comunidade na que máis se reduce o paro en termos absolutos. A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos na visita que realizou en Ames á empresa OpSeeker Tech, onde salientou que a cifra de desempregados (164.307) sitúa Galicia a niveis inferiores aos de hai 11 anos.

Na evolución anual, Toca explicou que o paro baixa en 5437 persoas, é dicir, nun -3,20%, o que supón que Galicia xa suma seis anos consecutivos de caída do paro nun mes de outubro. A Comunidade reduce o desemprego, ademais, a maior ritmo que o conxunto do Estado, onde diminúe nun -2,37%.

O desemprego, ademais, baixa nos colectivos prioritarios para a Xunta: as mulleres (-3,45%), os parados de longa duración (-9,04%) e os menores de 30 anos (-3,21%). O paro tamén descendeu nas catro provincias galegas e nas 7 grandes cidades. Con respecto ás provincias, Ourense lidera o descenso (-5,40%), seguida da Coruña (-3,01%), Pontevedra
(-2,96%) e de Lugo (-2,31%).

A caída do paro rexistrouse, así mesmo, en todos os sectores de actividade, liderando a baixada a construción (-8,06%), seguida da agricultura e pesca (-4,43%), da industria (-4,12%) e dos servizos (-2%). Na evolución mensual, o desemprego seguiu a tendencia do resto do Estado e medrou un 4,66% con respecto ao mes de setembro.

A creación de emprego, ademais, medra no último ano un 1,41% ata chegar a 1.027.450 cotizantes á Seguridade Social (39 novos afiliados ao día), co que Galicia suma 8 meses por riba do millón.

A importancia da formación nos sectores estratéxicos

Covadonga Toca lembrou o esforzo que a Xunta está a facer por contar cunha Galicia máis preparada, como unha das claves para abrir novas oportunidades laborais e crear emprego de calidade. Neste sentido, Galicia prevé destinar 260M€ en 2020, dos que máis de 66M€ serán para o Plan Galego de Formación, no que se inclúe formación específica para sectores estratéxicos como o da automoción.

Precisamente, o paro diminuíu no sector da fabricación de vehículos a motor, no último mes en 165 persoas, o triplo que en outubro de 2018, unha tendencia que se espera que se consolide coas novas contratacións anunciadas por PSA para producir os seus novos modelos e que repercutirán, tamén, na industria auxiliar.

A secretaria xeral visitou hoxe as instalacións da empresa OpSeeker Tech, empresa de base tecnolóxica situada no concello de Ames e que pertence a outro dos sectores que a Xunta quere impulsar para mellorar a competitividade do tecido empresarial. A compañía ofrece ferramentas, a través dunha aplicación web, para que a xente aprenda a xestionar o seu diñeiro, ademais de ofrecer asesoramento independente.
R.