Skip to main content

A exposición 'Valente e a unidade das artes' pon o foco na simbiose entre poesía e artes plásticas na obra do autor galego

En consonancia coa súa crenza na unidade das artes, Valente publicou moi importantes libros de artista con diversos pintores e escultores europeos, cuxas contribucións se expoñen agora completas: Antonio Saura, Eduardo Chillida, Paul Rebeyrolle, Jürgen Partenheimer, Rafa Forteza e, sobre todo, Antoni Tàpies, o autor con quen máis veces colaborou e a que se debe o logotipo da Cátedra Valente. Este diálogo perdurou tras a súa morte, pois a súa esposa Coral, Leopoldo Nóvoa ou Rafael Pérez Carrió editaron postumamente, con versos do poeta, libros de artista que tamén se expoñen completos.

“Cando Valente fala de arte, faino, obviamente, sobre arte e sobre artistas, pero tamén sobre poesía e incluso sobre si mesmo. Acaso porque arte e poesía poden chegar, en esencia, ao mesmo coñecemento e incluso polos mesmos camiños, só que con instrumentos diferentes. Este é o reto dos libros feitos por Valente en colaboración con artistas e este é o seu sentido último, a súa razón de ser e o que os individualiza como obras únicas alén da simple superposición duns textos e dunhas imaxes”, conclúe Rodríguez Fer.

Acto inaugural

A vicerreitora de Comunicación Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; Esther Pedrosa, concelleira de Deportes e Benestar Animal do Concello de Santiago de Compostela; e Salvador García-Bodaño, poeta e presidente do Ateneo de Santiago, inauguraron a mostra este xoves no Colexio de Fonseca. En horario de luns a sábado, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas, poderá visitarse esta mostra que permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 4 de xaneiro.

A Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética, fundada no ano 2000 e dirixida polo profesor e poeta Claudio Rodríguez Fer, especialista na obra do seu amigo ourensán, publicou xa unha vintena de libros contando cada un cunha ilustración debida a artistas vinculados persoal ou esteticamente con Valente, como Coral, Baruj Salinas, Sara Lamas, Leopoldo Nóvoa, Menchu Lamas, Antón Patiño, María José Santiso, Carlos Schwartz, Lola Valls, Antón Sobral ou Alejandro Vidal, pezas asemade expostas, á que se engadiu ademais obra orixinal dalgúns dos autores citados e de vellos amigos do poeta, como o seu conterráneo Virxilio.
R.