Skip to main content

Galicia acolle a Vanguard Initiative para promover a cooperación interrexional na fábrica intelixente e a dixitalización

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, animou aos axentes de innovación de Galicia e do Norte de Portugal a aproveitar as oportunidades da cooperación interrexional e transnacional no ámbito da Fábrica Intelixente e da transformación dixital para ser máis fortes e competitivos.

Argerey participou na inauguración dun taller da Vanguard Initiative celebrado en Gain co obxectivo de informar sobre a metodoloxía e os obxectivos da iniciativa e analizar as posibilidades de participación nos proxectos piloto que teñen en marcha e identificar novos proxectos potenciais que poidan liderar conxuntamente Galicia e Norte de Portugal.

A Vanguard Initiative for New Growth through Smart Specialisation, na que participa a Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria dende 2015, é unha alianza integrada por 35 rexións das máis industrializadas de Europa co obxectivo de impulsar o crecemento económico e social mediante a cooperación en proxectos de innovación industrial, en ámbitos prioritarios para Europa en base ás Estratexias de Especialización Intelixente das rexións incluídas.

O seu traballo articúlase arredor de cinco áreas temáticas que teñen como obxectivo demostrar que a colaboración interrexional baseada na especialización intelixente en certas áreas é un valor engadido para favorecer o crecemento, e así influír na axenda de política industrial Europea, dándolle maior relevancia ao papel das rexións. Cada área temática impulsa proxectos de innovación, chamados na casos de demostración, que son propostos por unha ou varias das rexións membro.

Colaboración interrexional en fabricación eficiente e sostible

Galicia participa nunha das cinco áreas de traballo da iniciativa, relacionada coa fabricación eficiente e sostible, que persegue o aumento da competitividade do sector manufactureiro europeo a través do uso de tecnoloxías, métodos e procesos innovadores que contribúan á redución do consumo de enerxía e a contaminación e a facilitar o uso intelixente dos recursos.

Precisamente, na xornada celebrada en Santiago presentouse esta área de traballo e os casos de demostración que están en marcha neste marco, para analizar o interese das entidades galegas e do Norte de Portugal en participar, e habilitouse un espazo para presentar e discutir novas propostas de casos de demostración. O obxectivo desta xornada é implementar a cooperación a nivel internacional nos campos da fabricación intelixente e a dixitalización para facer máis forte o ecosistema de I+D+i da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a través da colaboración, aproveitando os recursos e as sinerxias que ofrece esta alianza.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, enmarcou a participación da Xunta de Galicia nesta iniciativa no interese de buscar sinerxias e cooperación máis aló do noso ecosistema de I+D+i para fornecer ás empresas, centros tecnolóxicos e institutos de investigación, así como outros axentes, o acceso a esta nova revolución industrial, a Industria 4.0, a través da participación en plataformas de cooperación transnacional como a Vanguard Initiative.

Impulso á competitividade e o crecemento das pemes

Esta cooperación resulta especialmente interesante para o tecido produtivo galego, composto maioritariamente por pequenas e medianas empresas, facilitando así que as pemes poidan acceder a esta nova revolución industrial.

Neste sentido, Argerey apuntou que nos últimos anos a prioridade das políticas industriais e de innovación da Xunta de Galicia se focalizou en aumentar a competitividade e o crecemento das pemes e, para iso, impulsáronse medidas encamiñadas a promover a transferencia de coñecemento, a I+D aplicada, a transición á Industria 4.0, o emprendemento innovador e o talento.

Tamén a Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza Galicia Norte de Portugal (RIS3T), na que se enmarca esta xornada, persegue incrementar a cooperación transfronteiriza para impulsar a innovación desde un ecosistema máis forte nas áreas prioritarias para ambas rexións como son a Industria 4.0 e as industrias da mobilidade (automoción, naval, aeronáutica...).
R.