Skip to main content

Galicia formaliza a primeira emisión de débeda con rendibilidade negativa

A Xunta de Galicia vén de formalizar a primeira emisión de débeda con rendibilidade negativa por importe de 25 millóns de euros. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará mañá esta emisión de bonos a tres anos cunha rendibilidade do -0,05%, xunto con outra de 200 millóns a catro anos e cun tipo de xuro cero.

Ambas as dúas emisións está dirixidas por Abanca e permitirán amortizar anticipadamente o préstamo correspondente ao Fondo de Facilidade Financeira formalizado no ano 2015, e aforrar 4 millóns de euros en gastos financeiros.

O Fondo de Facilidade Financeira é un mecanismo creado pola Administración do Estado para as comunidades autónomas cumpridoras dos obxectivos de estabilidade, o límite de débeda, a regra de gasto e o límite de pago a provedores. Este préstamo tiña un tipo de xuro do 0,83% e un prazo de amortización que vencía no ano 2025.

Hai que lembrar que Galicia volveu aos mercados neste 2019, combinando –grazas ao cumprimento das regras fiscais- esta saída gradual ao mercado co Fondo de Facilidade, o que lle permitiu aproveitar a abundante liquidez, os tipos historicamente baixos e a elevada demanda dos investidores.

A Comunidade galega conta coa cualificación de ráting máis alta entre as comunidades autónomas de réxime común e está ao mesmo nivel que España posto que o ráting dun Estado soberano non pode ser superado polo dunha comunidade de réxime común. Así, a axencia Standard&Poor’s cualifica o nivel de crédito de Galicia en A- (cualificación media-alta) e a axencia Moody’s outórgalle o nivel Baa1.

Para o vindeiro ano 2020, a Consellería de Facenda prevé a primeira emisión de bonos sostibles, integramente orientados a investimentos sociais, medio ambientais e á economía verde e sostible vinculados á Axenda 2030.

Galicia é un exemplo de solvencia e control do déficit, xa que é a comunidade que menos incrementou o seu endebedamento durante a última década, e está entre as comunidades con máis esforzo investidor e á cabeza no pago áxil aos provedores.
R.