Skip to main content

A débeda de Galicia sitúase por debaixo do 18% por primeira vez desde 2013

En todo caso, a previsión da Xunta é que este indicador siga baixando nos vindeiros trimestres, e que 2019 sexa o terceiro ano consecutivo no que Galicia logra reducir a súa ratio de débeda. En termos absolutos, a débeda total das comunidades autónomas situouse nos nove primeiros meses de 2019 en 298.077 millóns, dos que 11.426 millóns –o 3,8% do total- corresponden a Galicia.

No peche do terceiro trimestre, o endebedamento de Galicia é 6,3 puntos inferior á media autonómica, situada no 24,1% e, grazas a este mellor comportamento, Galicia evitou na última década a emisión de máis de 3.800 millóns de euros de débeda. En todos estes anos, a Comunidade Autónoma cumpriu sempre o límite de débeda autorizado polo Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), e desde 2016 iniciou unha senda de redución do seu endebedamento que continuará nos vindeiros exercicios.

Efectos sobre a débeda polos impagos do Goberno Central

Esta boa evolución un trimestre máis na redución do endebedamento da Comunidade Autónoma Galega podía ser moito máis significativa se o Goberno Central houbese cumprido coas súas obrigas e non retrasase o pago dos 334 millóns de euros de entregas a conta e non retivera os 200 millóns de euros do Imposto sobre o Valor Engadido (IVA) correspondentes a decembro de 2017.
R.