XuvenCiencia 2020 comeza a súa andaina coa súa xornada de formación de profesorado

A sesión de apertura desta xornada ‘XuvenCiencia para profesorado’ terá lugar este venres ás 17.00 horas na sala de xuntas da Facultade de Veterinaria e contará coa participación de Montserrat Valcárcel, vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, e Mercedes Novo, coordinadora de XuvenCiencia, un grupo multidisciplinar do Campus Terra no que participa profesorado das facultades de Ciencias e Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría ligado ás áreas de Química Física, Patoloxía Animal, Ciencias Clínicas Veterinarias, Xenética, Enxeñaría Agroforestal, Bioquímica ou Produción Vexetal.
Durante a sesión de mañá, docentes de Secundaria recibirán os kits XuvenCiencia e participarán en obradoiros prácticos para iniciarse no deseño de proxectos. As actividades continuarán o sábado, en horario de mañá e tarde na Facultade de Veterinaria e na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, onde proseguirá un traballo eminentemente práctico dirixido por profesorado do Campus lugués.
O proxecto XuvenCiencia incide nalgunhas das destrezas de levar a aprendizaxe científica e tecnolóxica da aula aos casos prácticos do día a día que máis se teñen en conta en avaliacións de calidade internacional como o informe PISA da OCDE. Como mostra da súa excelencia, a iniciativa desenvolvida dende o Campus Terra recibe un curso máis o apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), logo de ser valorado como o cuarto mellor proxecto dos máis de 250 de toda España presentados na categoría de ‘Creatividade e vocacións científicas’.
R.