Skip to main content

A exposición itinerante 'Don Ricardo de Fingoi', sobre Ricardo Carballo Calero, iniciará a súa andaina en Lugo

Este mércores, dia 15, ás 12,00 h, no Colexio Fingoi vaise presentar a exposición itinerante “DON RICARDO DE FINGOI – CARBALLO CALERO EN LUGO”, preparada polo Colectivo Egeria, co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración deste colexio lucense e a Real Academia Galega.

Ao acto asistirá o Presidente da Real Academia Galega, Victor Fernandez Freixanes; o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín Gómez García; a filla de Carballo Calero, Margarita Carballo-Calero Ramos, Magalí, e outros membros da familia; antigos alumnos de Carballo e Fingoi, e actuais alumnos deste Centro.

O traballo do colectivo Egeria concrétase nunha exposición itinerante de trece paneis de 2X1 m, xunto cun folleto que recolle os contidos dos paneis da mostra, sinaladores de lectura, a web desta celebración, www.carballocaleroenlugo.org, que ese día se pon en marcha, ademais dun libro que será editado con posterioridade.

No acto van intervir o Presidente da Real Academia; o Secretario Xeral de Política Lingüística; a directora do colexio Fingoi, Asunción Fernández Puentes, Siña; alumnos de educación primaria do centro, grupo de Gaitas Fingoi e a cantante e profesora de ´canto no Centro de Música Fingoi, Pilocha, que recitará un poema do autor homenaxeado co Día das Letras Galegas en 2020.

A razón de centrarse inicialmente en Fingoi esta homenaxe é o ter sido Ricardo Carballo Calero, durante quince anos (1950 a 1965) profesor e /conselleiro delegado deste Colexio, tendo efectuado en Lugo parte esencial do seu excepcional traballo creador e investigador.
A próxima semana, a partir do mércores, 22, esta exposición estará aberta ao público na sala de exposicións da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo.
R.