Skip to main content

A tarxeta benvida amplíase ata os catro anos para as familias vulnerables e incrementa as súas achegas

A terceira novidade desta convocatoria é a ampliación do prazo de presentación de solicitudes para os galegos no exterior que retornen a Galicia, os cales contarán con tres meses desde o seu regreso para pedir a Tarxeta Benvida, un mes máis ca ata agora.

A cuarta mellora está destinada ás familias en situación de especial vulnerabilidade, así poderán cobrar a Tarxeta Benvida ata que a nena ou neno teña catro anos, sempre e cando solicitasen unha prestación pública de protección social e esta estea en fase de tramitación. Trátase de que non queden desprotexidas mentres non estean a cobrar esta axuda. Esta nova posibilidade responde a unha proposta que fixeron as entidades sociais durante o período de exposición pública da Lei de impulso demográfico e que se decidiu tomar en consideración.

Máis facilidades para as familias

A Tarxeta Benvida é unha das medidas postas en marcha pola Xunta para que todos os fogares galegos teñan máis facilidades que nunca, tanto en axudas económicas como en materia de conciliación. Desde a súa creación en 2016, esta axuda directa xa chegou a máis de 53.000 familias de toda Galicia.

Esta prestación responde ao obxectivo de darlles ás familias que deciden ter unha filla ou fillo todos os recursos que precisan. Neste caso unha axuda de 1.200 euros durante o primeiro ano de vida do bebé para a compra de alimentos infantís, cueiros, roupa, berces e produtos de hixiene ou farmacéuticos. Pode empregarse en establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia, así como nas farmacias, parafarmacias, supermercados, tendas de alimentación e, desde este ano, tamén ópticas. Para acceder a esta axuda durante o primeiro ano a renda anual familiar deberá ser inferior aos 45.000 euros ou menor de 13.000 euros per capita.

Desde o 2018, a Tarxeta Benvida ampliouse ata o terceiro ano de vida da nena ou neno para aquelas familias cunha renda anual igual ou inferior a 22.000 euros por un importe de 600 euros para o primeiro fillo, 1.200 para o segundo e 2.400 para o terceiro. En 2019 habilitouse a posibilidade de solicitala xa durante o embarazo, para que non fixese falta agardar ata o nacemento para comezar os trámites. Deste modo, o prazo medio de espera para as familias que escollen esta opción pasou de dous meses e medio a un mes.
R.