Skip to main content

Galicia acadou en 2019 por primeira vez as 9.000 persoas voluntarias activas

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, informou esta mañá na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego que Galicia acadou o ano pasado por primeira vez as 9000 persoas voluntarias activas, o que supón un incremento do 11% con respecto ao 2018. Cristina Pichel destacou que, deste xeito, a nosa Comunidade convértese na máis solidaria de España.

A directora xeral deu conta do cumprimento da Xunta de Galicia cos obxectivos fixados no Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020. Neste sentido, concretou que xa no 2019 se acadaron os compromisos de acadar as 1000 entidades e as 40.000 persoas inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria xestionado pola Consellería de Política Social.

Así mesmo, sinalou que o Goberno galego traballou na difusión, na formación e na implicación do voluntariado. En concreto, a directora xeral detallou a importante campaña de promoción con motivo do Día Internacional do Voluntariado que se conmemora cada 5 de decembro. Nela, un autobús percorreu en 11 días as sete cidades galegas e algunha das principais vilas das catro provincias. A maiores, na semana do 5 de decembro, programouse unha acción voluntaria cada día vinculada con unha área de traballo concreto: voluntariado cultural, educativo, social, xuvenil e ambiental.

Formación e acción

Pola súa banda, a directora xeral tamén informou do Plan de formación da acción voluntaria para desenvolvela con garantías e seguridade. Neste sentido, sinalou que a Xunta de Galicia puxo á disposición de persoas voluntarias e entidades 1500 prazas en cursos de formación online e presenciais nos que se abordaron diferentes temáticas co fin de dar respostas a todas as demandas.

Cristina Pichel puxo en valor o papel das persoas voluntarias na procura dunha sociedade con igualdade de posibilidades e con mellor calidade de vida. Un labor para o que, apuntou, sempre contarán coa colaboración da Xunta de Galicia. Por este motivo, sinalou que o Executivo autonómico puxo en marcha unha nova orde de axudas para que concellos e entidades puideran desenvolver proxectos de Voluntariado Sénior. Unha iniciativa da que se beneficiaron 37 proxectos diferentes e no que participaron 260 persoas voluntarias maiores de 55 anos.

Por outro lado, a directora xeral tamén apostou por consolidar programas como o Son Voluntario, con gran éxito entre a xente nova, ou o programa de voluntariado ambiental Lewo, froito dun proxecto europeo, que está preto de acadar os 300 participantes.

Así as cousas, amosou o compromiso da Xunta de Galicia de seguir reforzando os programas actuais e abrindo novos camiños a través de iniciativas como o programa de acompañamento en hospitais, que responderá ás necesidades de cada área sanitaria; ou no voluntariado no Camiño, co que se poñerá en valor parte do rico patrimonio cultural a pé da ruta xacobea.
R.