Skip to main content

Un total de 141 centros de ensino desenvolverán este ano o programa de reforzo ARCO

Este programa, dirixido aos centros públicos, consta de 3 liñas de actuación que desenvolverán axustes educativos dentro da aula ordinaria, co obxecto de garantir a máxima inclusión favorecendo a participación no grupo-clase e a consecución do máximo desenvolvemento emocional, intelectual, social e profesional de todo o alumnado. A liña 1 diríxese ao alumnado de 5º e 6º de educación primaria, a 2 ao de 1º de ESO e a 3 aos estudantes de 4º de ESO.

O obxectivo da iniciativa é apoiar o alumnado para a mellora do rendemento académico, co fin de mellorar o éxito escolar e previr o abandono educativo temperán do alumnado que cursa as ensinanzas obrigatorias. Así mesmo, xerarase un clima de aprendizaxe que favoreza o traballo en equipo, cooperativo e por proxectos e procurarase diminuír as barreiras de aprendizaxe que dificultan superar e acadar os obxectivos do nivel educativo. Todas as liñas desenvolveranse dentro do horario lectivo e mediante apoios a través do uso de metodoloxías activas e participativas, así como a aplicación de medidas organizativas ao alumnado obxecto da liña.

Para a selección dos centros participantes téñense en conta criterios como as porcentaxes de alumnado que promocionou con algunha área non superada, con necesidades específicas de apoio educativo e repetidor ou os centros que participaron no antigo programa de reforzo PMAR, entre outros. Os centros de secundaria poden participar á vez na liña 2 e 3.
R.