Skip to main content

Feijóo traslada ao Goberno de España a necesidade dun peche ordenado das actividades económicas

Así mesmo, durante a videoconferencia co presidente do Goberno central e cos outros presidentes autonómicos, e no marco europeo, Feijóo expresou o desexo de que as propostas españolas frutifiquen no Eurogrupo, de xeito que os sacrificios que se están a pedir ao conxunto dos cidadáns e das nacións sexa proporcionado á axuda e á solidariedade das medidas que adopte a Unión Europea. “A tal efecto, o Goberno central ten o noso apoio”, matizou, subliñando que Galicia cre nunha Unión Europea solidaria entre nacións do mesmo xeito que cre na España solidaria das comunidades.

Chegada de subministro sanitario da Xunta de Galicia

Ao longo do encontro, o titular do Executivo galego reiterou a necesidade de material sanitario, solicitando ao Goberno de España un calendario de entregas de subministración, para que cada comunidade poida organizarse. “Alegrámonos de que o presidente informase onte do material que España ten apalabrado ou contratado, pero é importante saber cando vai chegar ese material”, insistiu, lembrando que a Xunta leva subministrado a 251 concellos de Galicia: 22.000 mascarillas, 10.000 traxes e 300.000 guantes; “deste xeito, e co material que se entregará mañá, chegaremos ás 122.000 mascarillas, aos 25.000 traxes a aos 350.000 guantes”, confirmou, para o desenvolvemento de servizos como o de Axuda ao Fogar ou de Protección Civil.

“Seguiremos comprando material, porque non podemos esperar a ter un material centralizado polo Ministerio”, asegurou, resaltando que hoxe, Galicia recibiu unha nova partida de material sanitario da Xunta que ascende a máis de 700.000 mascarillas -500.000 compradas polo Sergas, 100.000 doadas por Inditex e outras 100.000 doadas por Grupo Caamaño-, que serán distribuídas en tempo real ás áreas sanitarias e aos centros sociais.

Nesta mesma liña, o responsable do Goberno galego reiterou a importancia de seguir facendo test masivos, así como coñecer a curva epidemiolóxica; “sería moi útil para as comunidades coñecer cal é a previsión do Goberno de España, cal vai ser o pico de hospitalización e de UCI que imos ter nas comunidades”, abundou.

A modo de exemplo, Feijóo explicou que, ata o momento, Galicia recibiu do Goberno central: 220.890 mascarillas, 33.205 batas, 352.000 guantes, 13.400 pantallas e 1.776 desinfectantes. “Para facernos unha idea, o total das mascarillas chega para 4 días de consumo do Sergas, o total de batas chega para 1,7 días e o total de guantes non chega a un día de consumo”, precisou.

Neste eido, Feijóo quixo facer unha mención ao labor que está a desenvolver a multinacional galega Inditex, non só pola subministración que está doando ao Sistema Nacional de Saúde e ao Servizo Galego de Saúde, senón tamén pola súa loxística e o seu transporte. “Sen os avións de Inditex a maioría do material que entrou en España estaría aínda nos aeroportos de China”, puntualizou, transmitindo o agradecemento pola implicación “dunha empresa galega global que está dando unha mostra mundial do que é un compromiso coa solidariedade, con España e con Galicia”.

Así mesmo, referiuse a outras empresas que tamén están a doar material sanitario e asegurou que cando este chegue, o Executivo autonómico faraas públicas.

As residencias de maiores, prioridade número un para a Xunta

O presidente do Goberno galego aseverou que os maiores seguen a ser a prioridade número un para a Administración autonómica: “Seguiremos traballando, tratando de garantir máximo illamento nas residencias”, garantiu.

O titular da Xunta reiterou que Galicia seguirá traballando con determinación, aprovisionando máis material e co máximo ánimo de unidade, coordinación e entendemento. E concluíu a súa intervención cunhas palabras de ánimo e agradecemento cara aos máis novos: “Sentímonos orgullosos do que estades a facer”, dixo, facendo fincapé na importancia de permanecer nas casas durante o estado de alarma.
R.