Skip to main content

A Xunta solicítalle ao Goberno un marco común estatal que estableza os criterios básicos para o desenvolvemento das solucións tecnolóxicas vinculadas ao COVID-19

Mar Pereira expuxo as premisas básicas que a Xunta considera que deben primar no desenvolvemento deste tipo de solucións tecnolóxicas, como a análise das mellores prácticas identificadas a nivel internacional, así como a adaptación á regulación española e europea no relativo, tanto ao Regulamento de Protección de Datos como no dereito á privacidade das persoas.

Tamén se incidiu na necesidade de contemplar criterios esenciais de proporcionalidade e ética no uso dos datos, sempre vinculados a deseñar mecanismos de contención e control da pandemia e, polo tanto, operativos só mentres as autoridades sanitarias así o consideren preciso. Ademais, recalcouse a importancia de integrar estas posibles novas solucións cos protocolos e sistemas de información asistenciais, sociais, epidemiolóxicos da Xunta e garantir a súa interoperabilidade.

Creación cun comité de xestión intelixente do dato

En relación coas solucións tecnolóxicas en marcha a Xunta solicitou ao Goberno do Estado comezar a dispoñer dos datos da iniciativa DataCovid, desenvolta polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.

Galicia creará un comité técnico de xestión intelixente do dato para analizar e deseñar os mecanismos adecuados de análise e explotación dos datos que se poidan extraer das diferentes solucións tecnolóxicas creadas para combater a pandemia, como a que xa ten en marcha o Ministerio para facilitar a toma de decisións durante a xestión da crise e nas fases posteriores de recuperación.

No encontro puxéronse en común as solución tecnolóxicas nas que tanto o Ministerio como as diferentes CCAA están a desenvolver para a xestión da crise sanitaria, así como as diferentes iniciativas nas que se está a traballar para o deseño do plan de desescalada. Tanto os representantes autonómicos como estatais coincidiron en que a tecnoloxía e a dixitalización son un instrumento esencial que permitiu manter a actividade dos servizos públicos, facilitar a teledocencia e o teletraballo.
R.