Skip to main content

Iníciase a entrega do primeiro envío de mascarillas a empresas e autónomos que retomaron a actividade

As petición canalízanse a través dos clusters e asociación que agrupan aos destinatarios finais. Alfonso Rueda avanzou que ao longo da vindeira semana chegarán dous envíos máis de material, co que se repartirán máis de 2 millóns de mascarillas. A medida adquire importancia ante a imposibilidade de que moitas empresas e autónomos poidan conseguir o material de protección necesario no mercado e a un prezo adecuado. De feito, o material será facilitado ao mesmo prezo que o adquira a Xunta.

Este sistema de distribución foi un dos puntos aprobados o luns no seo da quinta reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), onde se indicou que o Goberno galego subministrará máscaras ás empresas e os autónomos que o soliciten. Este reparto de material de protección chegará a sectores como o alimentario e as distribuidoras, a metalurxia, a construción, a enxeñería, a madeira, a pizarra e o granito, as enerxías renovables, as cooperativas agrarias, os call center, autónomos e comerciantes.

O reparto realízase desde a plataforma loxística da Xunta de Galicia (Clonegal), que é a que se ocupa de tódolos envíos de material que non ten que ver con centros médicos e hospitalarios.