Skip to main content

Galicia iniciará a finais de mes o estudo epidemiolóxico sobre o COVID-19 que contará cun total de 100.000 test

Nesta liña, e a modo de exemplo, destacou as mostras que se levarán a cabo en cada unha das 7 grandes cidades galegas: en Ferrol realizaranse 2.600 mostras, na Coruña 5.800, en Santiago 2.750, en Lugo 2.750, en Ourense 3.400, en Pontevedra 2.700 e en Vigo 6.800.

Cómpre salientar que a poboación obxecto de investigación serán as persoas con tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde e, entre todas elas, elixirase aleatoriamente aos participantes no estudo diferenciados por sexo, idade, grandes concellos e áreas territoriais. O Sergas encargarase da realización dos test e da recollida de información e o Instituto Galego de Estatística enviará o listado de persoas seleccionadas a cada área sanitaria.

No tocante á loxística, o titular da Xunta resaltou que cada centro de saúde terá asignada unha poboación concreta para estudar coa que contactará telefonicamente. Ás persoas que entren no estudo daráselles unha cita para que acudan ao seu centro de saúde para tomarlles a mostra mediante unha punción capilar; e, entre 15 e 20 minutos despois xa se coñecerá o resultado. O titular do Goberno galego salientou que o estudo é “completamente voluntario”. E, no caso de dar positivo, realizarase unha proba PCR para confirmalo e seguirase o criterio clínico.

Logo de subliñar que esta mostra de 100.000 persoas é compatible coa que faga o Goberno central, Feijóo incidiu en que o estudo servirá para saber cal é a situación do virus na nosa Comunidade e poder así tomar decisións tanto no ámbito económico como no social. Non en van, o estudo dará información útil para planificar medidas de normalización e tamén ter información para estar preparados ante posibles rebrotes.

O presidente da Xunta aseverou que é preciso “non baixar a garda” e subliñou que para iso será fundamental tanto o estudo epidemiolóxico como a responsabilidade dos cidadáns.

Nova contratación de material de protección e de test

Durante a rolda de prensa, Feijóo referiuse tamén a aprobación dun investimento de 3,4 millóns de euros para a contratación, polo trámite de emerxencia, de diversos materiais de protección destinados a profesionais e pacientes, así como test de detección do virus.

En concreto, o investimento supón unha compra de, entre outros: unhas 700.000 máscaras (entre cirúrxicas e respiratorias), uns 80.000 litros de desinfectante (entre o de mans e o de superficies) e 66.500 test rápidos de dobre banda.

Sobre isto último o presidente destacou que “seguimos abastecéndonos de test porque o noso obxectivo segue sendo facer o maior número de test”. E destacou como grupos prioritarios ás persoas que están en contacto cos pacientes (xa sexa nos servizos de urxencias, como nas plantas hospitalarias e na UCI) e tamén ás persoas que están en contacto con positivos nas residencias da terceira idade e nos centros de discapacidade. Feijóo finalizou destacando que esta é xa a cuarta compra de materiais considerados imprescindibles, así como test de detección.
R.