Skip to main content

Feijóo trasladará ao Goberno novas medidas para empezar a levar a cabo na Comunidade como: a apertura de mercados ao aire libre, a rehabilitación en edificios ou a práctica de deportes individuais

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta fixo fincapé en que é imprescindible, “a estas alturas”, un horizonte previsible de volta á nova normalidade en todos os sectores económicos: gradual, dinámico e reversible, para tomar decisións persoais, laborais e empresariais. “Estamos a falar da necesidade de aclarar as condicións de volta ao traballo previsible, no ámbito social e no ámbito educativo, así como dun sistema de apertura e peche flexible”, dixo, subliñando que o Executivo galego está a avaliar as primeiras bases da desescalada que considera razoable plantexar xa en Galicia, de acordo coa situación da pandemia e a situación epidemiolóxica da Comunidade.

Unha desescalada por zonas e subzonas, cunha peza separada para o rural

Sobre este punto, referiuse a algunhas cuestións que a Administración autonómica terá en conta no traballo de desescalada que xa está facendo para propoñer ao Goberno central, entre as que destacou: establecer a desescalada por zonas e subzonas; facer unha peza separada para o rural; e ter en conta a idade dos cidadáns, as características demográficas de cada zona e subzona, a mobilidade que se produce e o estudo epidemiolóxico, que xa está en marcha. “En definitiva, empezamos a traballar na desescalada que ten que ser progresiva, rigorosa e dinámica”, dixo.

Feijóo concluíu incidindo en que a desescalada só se pode facer se hai seguridade sanitaria. “Todas as decisións de ir abrindo distintos sectores económicos teñen que ter o respaldo sanitario”, recalcou, insistindo en que manter a distancia social, o lavado de mans de forma constante, extremar as precaucións e o uso de mascarillas en determinados contextos e para determinadas persoas é o que vai permitir conter a pandemia e volver á nova normalidade.

“Non podemos baixar a garda”, aseverou, trasladando a confianza en todos os galegos, que durante estas seis semanas, recordou, “están tendo un comportamento exemplar”.
R.