Skip to main content

Unha enquisa aos case 200 concellos inscritos no Pacto dos Alcaldes avaliará os avances e dificultades na elaboración dos seus plans de acción para o clima

Cómpre lembrar que o Goberno autonómico é o coordinador desta iniciativa na comunidade, un papel que asumiu no ano 2017 e ao que lle deu un pulo definitivo coa creación da Oficina Técnica do Pacto dos Alcaldes en Galicia.

O obxectivo do cuestionario é coñecer en que punto está cada concello no que respecta á elaboración do seu Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (PACES), un documento que os asinantes do pacto teñen que redactar para garantir o cumprimento dos compromisos fixados pola UE de aquí a 2030 en materia de emisións.

Ademais, a enquisa tamén permitirá obter información útil e homoxénea da situación particular de todos os municipios adheridos. Isto axudará á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático a ter unha diagnose completa de como avanza o Pacto en Galicia e será clave á hora de identificar os problemas máis comúns que ralentizan a elaboración dos PACES a nivel municipal e, por tanto, poder poñer as bases para tentar resolvelos.

Paralelamente, a Xunta prepara tamén cursos de formación dirixidos aos concellos do Pacto e centrados no proceso de elaboración dos PACES. Esta formación será de carácter telemático e artellarase a través de webinars (seminarios impartidos en liña por videoconferencia) de 45 minutos de duración e cun máximo de 15 participantes.

O programa formativo estará dividido en tres módulos: inventario de emisións, medidas de mitigación, e análise de riscos e vulnerabilidade. A inscrición nestes cursos abrirase a partir da próxima semana e a formación impartirase ao longo do mes de maio, con sesións semanais por módulo. En todo caso e en función do interese, poderían ampliarse en caso necesario.

Para seleccionar aos inscritos e facer grupos o máis homoxéneos posibles, a Oficina Técnica do Pacto dos Alcaldes en Galicia tamén aproveitará a información recompilada nas enquisas online. De feito, a intención é adaptar os contidos e a explicación aos técnicos municipais participantes en función dos distintos niveis de avance e de coñecementos que teñan en relación co PACES.

Cómpre lembrar a boa acollida que ten o movemento do Pacto dos Alcaldes entre os concellos galegos, sobre todo desde a posta en marcha da Oficina Técnica de coordinación e asesoramento, creada en 2018 pola Xunta e activa desde comezos de 2019. Nestes momentos, son xa 189 as entidades locais adheridas, unha cifra que segue crecendo e que sitúa a Galicia máis preto do obxectivo final de que o 90% dos municipios galegos estean plenamente integrados no Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía a finais deste ano.

Facendo unha diagnose da situación actual e poñendo á disposición das entidades locais as ferramentas formativas máis axeitadas, a Consellería de Medio Ambiente quere aproveitar o seu nivel de implicación para dar un paso máis e contribuír nos próximos meses a que os concellos adheridos avancen para dotarse das ferramentas necesarias para poder cumprir cos grandes retos globais en materia de cambio climático.

Case 10.000 entidades adheridas

O Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía foi impulsado no ano 2008 e na actualidade xa conta co respaldo de case 10.000 entidades locais de todo o mundo. A Xunta traballa como coordinadora do movemento coa convicción de que os retos globais do cambio climático deben afrontarse desde as vilas e as cidades de xeito unido e partindo da premisa “pensar global, actuar local”.

Nese sentido, a proximidade á cidadanía que teñen as entidades locais convérteas nunha peza clave para avanzar no proceso de transición enerxética que promove Europa. Por iso, cando deciden sumarse ao movemento todos os concellos asumen unha serie de compromisos, entre os que cómpre subliñar a redución das emisións de CO2 no seu territorio nun 40% no ano 2030 e aumentar a súa resiliencia ante o cambio climático, obxectivos para o que resulta clave dotarse do seu propio Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable.
R.