Skip to main content

O Plan de reactivación da cultura e o turismo achegará 27 millóns de euros e preto de 50 medidas para fomentar o emprego, xerar liquidez e reactivar o consumo

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta subliñou que para actuar cun plan de choque rápido e directo, estableceranse 9 bloques de execución que suporán, á súa vez, un investimento de 11 millóns na actividade turística; e de 10,6 millóns no sector cultural, reforzados, así mesmo, con 5,1 millóns de euros a través de medidas transversais enmarcadas no Xacobeo 2021.

Un novo Xacobeo

Sobre este último punto, cómpre salientar que o plan prevé que a convocatoria do Ano Santo funcione como ferramenta de estímulo da actividade e do consumo para impulsar así ás industrias cultural e turística. Con este fin, reconfiguraranse os obxectivos do próximo Ano Santo, para darlle prioridade ás iniciativas de impulso económico e de activación do consumo e do emprego.

“Será un Xacobeo distinto do que tiñamos previsto; será un Xacobeo moito máis imaxinativo, moito máis complexo, probablemente, pero o noso obxectivo é acertar” avanzou Feijóo, que engadiu que ese novo Xacobeo servirá para a recuperación do turismo con formatos e fórmulas de presentación distintas.

Un destino seguro

Os 4 eixos clave do plan no eido turístico serán a reactivación da demanda e accións de promoción, a creación de novos produtos turísticos, o apoio ao tecido empresarial e mantemento do emprego, así como a formación, competitividade e innovación.

O presidente da Xunta sinalou que o obxectivo é presentar Galicia como un destino seguro. Deste xeito, apoiaranse medidas hixiénico-sanitarias para os establecementos turísticos; reformularase a estratexia de promoción de destino adaptada a este novo contexto sanitario; promoverase un programa de consultoría e asesoramento para as empresas turísticas, así como un programa de “Queda en Galicia” para o turismo interno.

No eido cultural, as actuacións centraranse noutros 4 eixos, como son a activación do sector, o mantemento do emprego, o fomento do consumo e a aposta pola formación, a profesionalización e a mellora da competitividade.

Para concluír, Feijóo lembrou que este plan está consensuado cos sectores cultural e turístico. O Goberno galego mantivo máis de 65 reunións e contactos do sector e recibiu preto de 170 propostas, o 71% das cales figuran no plan aprobado hoxe. Nesa liña de contacto permanente co sector, cómpre salientar que o vindeiro sábado haberá unha nova reunión por videoconferencia para dar conta polo miúdo deste plan de reactivación.
R.