Skip to main content

O paro en Galicia sobe un 15,28% nos últimos doce meses, case seis puntos menos que no resto do Estado

Deste xeito, Galicia pechou abril de 2020 con 25.403 desempregados máis que hai un ano, o que supón unha suba do 15,28% -case seis puntos menos que o conxunto do Estado-, situándose como a terceira Comunidade que menos acusa os efectos da crise sanitaria do Covid-19. Aínda así, o nivel de desemprego é inferior ao rexistrado hai once anos, xa que en abril de 2009 había 210.662 parados fronte aos 191.629 actuais. O paro sobe en todos os sectores, pero o máis prexudicado é o dos servizos, onde se atopan 8 de cada 10 parados, algo que tamén sucede na evolución mensual e que vén motivado, entre outros factores, pola paralización da actividade na hostalería e o peche de gran parte do comercio.

En canto ás afiliacións, Galicia perde no último ano 35.821 cotizantes (-3,54%), ata situarse nos 974.770 afiliados á Seguridade Social. O ritmo de baixada é menor que no conxunto do Estado (España baixa un -4,01%). Aínda así, mantense a niveis superiores aos de hai oito anos, cando a Comunidade sumaba 943.533 afiliacións.

No que respecta á evolución mensual, Toca indicou que o desemprego aumenta un 9,83% con respecto a marzo –sumando un total de 17.148 desempregados máis–; mentres que as afiliacións baixan un 2,78% fronte ao 2,88% estatal. Os datos reflicten un cambio de tendencia que se comezou a orixinar en marzo, cando se decretou o estado de alarma.

Recuperación do mercado laboral

Nesta situación, a prioridade da Xunta é traballar en medidas que reactiven a economía co obxectivo de recuperar o mercado laboral galego. Así, estanse a escoitar as propostas dos principais axentes económicos e sociais e do Comité de expertos, baixo o convencemento de que só desde a unidade e o consenso nas iniciativas se pode abordar, canto antes, a reconstrución económica e social.

Neste sentido, na reunión do Comité de expertos de onte xa se marcou o camiño a seguir con medidas como solicitar ao Goberno que desvincule o Erte de forza maior do mantemento actual do estado de alarma, flexibilizar a xornada laboral, introducir bonificacións nas cotas á Seguridade Social e deducións fiscais e establecer protocolos de prevención para a volta á actividade.
R.