Skip to main content

Feijóo reúnese cos representantes dos partidos para falar sobre a convocatoria electoral tras coñecer os informes sanitarios e xurídicos

O presidente da Xunta tomará unha decisión sobre a data da convocatoria electoral unha vez oídos os partidos e tendo en conta os informes dos expertos sanitarios sobre a evolución previsible da pandemia. Segundo dixo onte, os documentos expresan que o momento que ofrece menos incertezas para votar é o principio do verán, sendo a seguridade sanitaria maior canto antes se celebren os comicios e aumentando co paso dos meses, por un previsible rebrote en outono e porque xullo e agosto son os meses de maior afluencia de visitantes a Galicia procedentes doutros territorios.

No plano xurídico, hai que recordar que despois de que a pandemia obrigase a suspender o proceso electoral previsto o 5 de abril existía o compromiso de activalo no prazo máis breve posible e que o vixente estado de alarma, que foi aprobado no Congreso dos Deputados, habilita expresamente para convocar comicios autonómicos.

Feijóo trasladou aos partidos que tomará a decisión máis responsable segundo os datos certos que se coñecen e insistiu en que, en todo caso, o Goberno galego segue tendo como prioridade a loita contra a pandemia e a reactivación social, laboral e económica das familias e das empresas galegas.
R.