Skip to main content

A Xunta de Galicia pon en marcha unha campaña informativa con recomendacións ante a reapertura do comercio

Esta campaña fai especial fincapé nos consellos para identificar a persoas sensibles, e en indicacións como quedar na casa en caso de ter síntomas de infección (febre, síntomas respiratorios, etc.) ou facer desprazamentos de xeito individual sempre que sexa posible.

Outras medidas refírense á distancia de seguridade recomendada (dous metros, que se debe manter en todo momento entre persoal, produtos e clientes), medidas de barreira nas zonas onde se vai atender ao público, e control de aforo (por cita previa, entrada por quendas e horarios de atención preferente para os maiores de 65 anos).

No tocante á limpeza e hixiene, hai unha serie de puntos fundamentais para transmitir a toda a poboación, como son o lavado frecuente de mans, os riscos de tocar nariz, ollos e boca se as mans non están debidamente desinfectadas, usar máscaras hixiénicas ou cirúrxicas no interior dos comercios, e en xeral cubrir as vías respiratorias con panos desbotables ao tusir ou esbirrar.

Falando do persoal dos comercios, é moi importante transmitirlles a importancia de ventilar frecuentemente, protexer axeitadamente os produtos expostos, e limpar e desinfectar a miúdo aqueles elementos que poden estar máis expostos ao contacto, como son mostradores, pomos, probadores, etc. Ademais, deberán procurar organizar de forma óptima o tránsito dos clientes polo establecemento, sinalizando no chan distancias e camiños, reforzar a desinfeccións de probadores no caso de que estean abertos ao público, fomentar os pagos electrónicos e vendas online, e empregar materiais recomendados polas autoridades sanitarias (non o é, por exemplo, o ozono).
R.