Skip to main content

Un proxecto coordinado desde Galicia apunta ao uso de enerxía renovable e combustibles alternativos como chaves no futuro da construción naval

Esta investigación europea -que pretende analizar a evolución das tecnoloxías marítimas en Europa para elaborar un plan estratéxico que mellore a competitividade da industria a través dunha adecuación das formacións existentes- tamén destaca que no futuro terán un papel relevante na construción naval outros eidos como a dixitalización, a automatización e a robótica avanzada. Ante estas previsións, o obxectivo é poder adaptarse a estes novos escenarios impulsando a formación continua, en particular o emprego, e combinala con outros aspectos como as prácticas ou as mobilidades de carácter formativo.

Tendo en conta os resultados obtidos, o proxecto MATES deulle prioridade a 21 liñas de acción estratéxica para a capacitación do naval e da industria das enerxías renovables. Nese contexto está iniciando xa 11 experiencias piloto nas que se desenvolverán materiais didácticos, programas de capacitación e metodoloxías formativas ao tempo que se analizarán as vías para estender o uso dos principais resultados destas experiencias a outras rexións europeas co obxecto de promover a adopción dunha estratexia conxunta de formación na industria marítima europea.

O seminario que se celebrará o próximo venres entre as 11.00 e as 13.00 horas está organizado por National Hub Spain e nel abordaranse as necesidades de formación e capacitación en materia de economía azul no Atlántico, exporanse os esforzos que se están realizando e analizaranse as posibilidades de adoptar unha estratexia conxunta neste eido.

O proxecto MATES

O consorcio do proxecto MATES, que está financiado pola Unión Europea a través do programa Erasmus+, conta coa participación de máis de 180 expertos colaboradores e pretende sumar os esforzos das comunidades educativas e científicas coa industria, a sociedade e a Administración coa finalidade de analizar as necesidades das capacidades dos traballadores para elaborar un plan de acción a longo prazo.

O seu labor, que comezou no ano 2018 e continuará ata o 2022, céntrase principalmente nas cadeas de valor da construción naval e as enerxías renovables mariñas mediante un enfoque amplo que inclúe o conxunto de actividades e servizos relacionados. A promoción da cultura oceánica é outra acción transversal do proxecto, coa que pretende dar unha maior visibilidade ás oportunidades de carreiras nas tecnoloxías marítimas e contribuír ao mesmo tempo á sustentabilidade do sector.
R.