Skip to main content

Constituída a Mesa da Automoción, da que forman parte as nove comunidades autónomas que contan cun fabricante no seu territorio

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe de xeito telemático na constitución da Mesa da Automoción, na que demandou ao Goberno que concrete e axilice as medidas para facilitar a compra de vehículos eficientes de motor diésel e de gasolina.

Conde lembrou que a Mesa da Automoción é unha iniciativa das nove comunidades autónomas que contan cun fabricante no seu territorio, e pediu unha estratexia común xunto co Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para identificar cales son os proxectos de futuro que poden permitir dotar de competitividade o sector.

O conselleiro apuntou que por parte de Galicia hai un compromiso para impulsar proxectos vinculados á dixitalización e á mobilidade sustentable, non só a través do vehículo conectado e o eléctrico, senón tamén a través do coche impulsado por hidróxeno verde. Conde salientou que este é un dos proxectos tractores promovidos en Galicia de cara a futuro, co obxectivo de favorecer a mobilidade sustentable.

“O que precisamos é que o Goberno concrete as diferentes medidas dentro do plan da automoción” subliñou o conselleiro, quen fixo fincapé en que se trata “dun plan que se desenvolveu á marxe das comunidades autónomas, e que esperamos que o Goberno volva á senda do consenso para concretar cales son as medidas a curto prazo para favorecer os investimentos, o I+D+i do sector da automoción, e tamén para favorecer ese plan de renovación de vehículos impulsados por combustión”. Neste ámbito, explicou que as axudas “deben permitir non só esa renovación do parque senón tamén favorecer a demanda”.
R.